A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a directora de Fundación Meniños, Mónica Permuy, asinaron hoxe un convenio de colaboración

A Xunta incrementa ata os 655.000 euros a achega ao Programa de Integración Familiar que desenvolve a Fundación Meniños

Esta contía supón un 4% máis ca en 2020 e un 56% máis do que se destinaba a este fin ao inicio da anterior lexislatura

A través desta iniciativa actúase nos fogares con menores vulnerables en tres dimensións: funcionalidade do entorno familiar, preservación e reunificación

A Coruña, 20 de xaneiro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a directora da Fundación Meniños, Mónica Permuy, asinaron hoxe un convenio de colaboración, cun investimento que ascenderá a máis de 655.000 euros, para dar continuidade ao Programa de Integración Familiar. Esta contía supón un incremento do 4% respecto ao presente exercicio de 2020 e un 56% máis do que se destinaba a este fin ao inicio da pasada lexislatura.

A través deste programa pioneiro, que o Goberno galego axuda a financiar desde un inicio e agora sostén en solitario desde que no ano 2018 o Executivo central deixou de achegar financiamento, actúase nos fogares con menores vulnerables en tres dimensións: funcionalidade do entorno familiar, preservación e reunificación. Durante o ano 2020, este programa atendeu a 320 menores no seo dunhas 180 familias de toda Galicia.

Por medio da funcionalidade familiar trabállase para evitar o deterioro da convivencia no fogar. Pola súa banda, coa preservación familiar actúase nun eido preventivo, evitando a separación do neno da súa contorna; e na área de reunificación familiar búscase facilitar o retorno á casa dos menores que están a residir en centros de acollida.

Terapia e educación familiar

Para conseguir estes obxectivos empréganse tres ferramentas fundamentais. Unha delas é a intervención psicosocial, para mellorar o funcionamento persoal e familiar. Outra ferramenta é a terapia familiar, para resolver problemas psicolóxicos, de relacións ou de conduta das persoas encargadas de protexer aos nenos; e unha terceira é a educación familiar, que persegue que os fogares adquiran as habilidades e hábitos necesarios para atender axeitadamente os nenos.

Imaxes relacionadas