A Xunta investirá 4 M€ na nova convocatoria da Orde de infraestruturas de uso público destinada aos concellos

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, comprobou xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, as melloras levadas a cabo o ano pasado no pavillón polideportivo da Carballa ao abeiro desta liña de axudas

O DOG publica hoxe a orde de axudas para 2021, na que a Xunta mantén o orzamento de 2020 para crear e mellorar as infraestruturas, instalacións e equipamentos dirixidos á prestación de servizos municipais

Na convocatoria deste ano primaranse os proxectos de accesibilidade aos edificios e instalacións deportivas do concello

Cabana de Bergantiños (A Coruña), 20 de xaneiro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, as melloras levadas a cabo no pavillón polideportivo da Carballa, que o Goberno galego apoiou cunha axuda de 40.000 euros ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público. Na visita, Alfonso Rueda anunciou que o Diario Oficial de Galicia, publica hoxe a nova convocatoria desta liña de axudas para 2021, que manterá o orzamento de 4 millóns de euros, despois de incrementalo en 2020 nun millón de euros.

A través desta orde de axudas, a Xunta financia os proxectos dos concellos galegos para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. En concreto, a construción, ampliación ou mellora das redes de luz pública; parques infantís, incluíndo a posta en marcha de parques cubertos ou a cubrición dos existentes; así como edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos municipais e instalacións deportivas de uso público, onde tamén se apoiará a mellora da súa accesibilidade e a dotación de equipamentos. De feito, como novidade da convocatoria deste ano, primaranse os proxectos de accesibilidade dos edificios e instalacións deportivas municipais.

As axudas van dirixidas aos concellos galegos de menos de 30.000 habitantes e financiaranse ata os 80% do custe dos proxectos para os pidan financiamento, cun máximo de 40.000 euros para os municipios que presenten solicitude de forma individual e ata 50.000 para os que a realicen de forma conxunta.

Alfonso Rueda destacou o compromiso da Xunta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade dos seus veciños e, sobre todo, a paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria da covid-19 dos concellos en canto á prestación de servizos.

A Xunta leva investidos no concello de Cabana de Bergantiños máis de 704.300 euros nos últimos anos en melloras ambientais e de infraestruturas, entre as que se inclúen as actuacións no pavillón polideportivo da Carballa tanto no interior coma no exterior coa substitución das portas da entrada, o teito, o chan e as marquesiñas, ademais da colocación de canastras de minibasket e asentos nas bancadas, co obxectivo de promover a actividade deportiva entre a veciñanza.

Imaxes relacionadas