A Consellería de Educación acomete a modernización dos talleres do IES Antón Losada Diéguez da Estrada cunha reforma integral na que inviste 223.000€

A actuación pretende dotar de maior funcionalidade a estas instalacións cunha reorganización de espazos e a renovación de materiais, como acabados, falsos teitos, carpintaría exterior e interior e as instalacións

O departamento autonómico destinou 3,7 M€ a obras de mantemento e melloras nos centros educativos públicos do Concello da Estrada na última década
 

A Estrada, 19 de xaneiro de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de acometer a modernización integral da zona de talleres do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada coa execución dunha reforma completa na que se investiron 223.363€ e que xa está lista para o seu uso durante o segundo trimestre do presente curso.

A actuación pretende dotar de maior funcionalidade e confortabilidade a estas instalacións e adaptalas ás novas necesidades docentes cunha reorganización dos espazos interiores, tanto nos vestiarios como nas aulas das naves 1 e 2, e coa reconstrución do altiño existente. Así mesmo, modificouse a posición do elevador e do sistema de aspiración do taller.

Este recinto consta de tres naves, dúas cales foron construidas hai case corenta anos e que presentan un bo estado malia certo deterioro nas instalacións e materiais polo paso do tempo e o uso. Nelas procedeuse, ademais de a reorganizar os 210 m2 de superficie que posúe cada unha, a renovar todos os seus materiais, como acabados, falsos teitos, carpintaría interior e exterior e as instalacións.

Con motivo do remate dos traballos, a actuación foi supervisada polo xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez, e polo alcalde da Estrada, José López Campos, que destacaron a importancia desta remodelación para mellorar a operatividade e confortabilidade dos talleres, destinados ás practicas dos nove ciclos de Formación Profesional que imparte o instituto, tres de FP Básica, catro de carácter medio e dous superiores.

A Consellería de Educación investiu nos centros educativos públicos do Concello da Estrada un total de 3,7 millóns de euros na última década para a realización de obras de mantemento e melloras. Entre as mesmas, no último ano executáronse, ademais da modernización dos talleres do IES Losada Diéguez, o cambio da cuberta do CEIP do Foxo, a mellora do teito do CEIP Cabada Vázquez de Codeseda e obras menores no IES Número 1, no IES Manuel García Barros e nos colexios Pérez Viondi, Codeseda, Oca, O Foxo e Villar Paramá de Souto de Vea.
 

Imaxes relacionadas