A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, supervisou hoxe as obras da pasarela e da nova terminal de autobuses da estación intermodal, que están practicamente rematadas

Ethel Vázquez avanza que en marzo a Xunta porá en servizo a nova estación de autobuses de Santiago e licitará a demolición da actual

Vázquez Mourelle precisa que na estación de autobuses, que executa e financia a Xunta con máis de 10 M€, o edificio de viaxeiros e as dársenas están rematados e só faltan detalles como o peche da zona de instalacións ou mobiliario

Indica que as obras da pasarela están na recta final, restando a colocación do material na cuberta da marquesiña da praza e os acabados no pavimento

Remarca a posta á disposición dun miradoiro sobre o Sar e dunha rúa con forma de pasarela que supera a barreira entre dous barrios separados polas vías do tren

Subliña que estas infraestruturas contribuirán a reforzar o atractivo da capital de Galicia ante o Xacobeo e a preparar a cidade para a chegada do AVE

Lamenta que o Goberno central siga sen ofrecer unha data certa para a posta en servizo do AVE e non avance na reforma da terminal ferroviaria de Compostela

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanza que en marzo a Xunta porá en servizo a nova estación de autobuses de Santiago e licitará a demolición da actual.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, supervisou hoxe as obras da pasarela e da nova terminal de autobuses da estación intermodal, que están practicamente finalizadas e na que restan só remates.

Estas actuacións supoñen un orzamento total de 16 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega máis de 12 millóns. O proxecto tamén está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

No caso da nova estación de autobuses, que executa e financia integramente a Xunta con máis de 10 millóns de euros, a conselleira concretou que tanto o edificio de viaxeiros como a área de dársenas están rematados.

Precisou que só faltan detalles como colocar o peche da zona de instalacións, rótulos, mobiliario e outros pequenos remates.

No que se refire á pasarela, execútaa a Xunta e tamén a cofinancian o Concello de Santiago e Adif, cun investimento total de máis de 5,5 millóns de euros. Os traballos desta infraestrutura, segundo apuntou a titular de Infraestruturas, están na recta final.

Puntualizou que a fachada da pasarela está só pendente do subministro do material para colocar na cuberta da marquesiña da praza de Clara Campoamor, ademais dos acabados finais no pavimento da praza e na propia pasarela, na que cómpre realizar un pulido.

Dado o próximo remate destas actuacións, o Goberno galego agarda que o Concello de Santiago axilice ao máximo os trámites para formalizar o convenio de xestión e poder dotar a nova terminal dos servizos para o seu correcto funcionamento.

Ethel Vázquez puxo en valor estas infraestruturas, que transformarán o acceso ao transporte público na cidade e en toda a área de Santiago, fomentando o seu uso e facilitando un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos.

Tamén salientou que a estación intermodal de Santiago será un soporte para a mellora do transporte público que está a supoñer a recente renovación por parte da Xunta de todas as concesións de autobús.

Ademais, a conselleira tamén remarcou que estas instalacións significan a transformación urbana para facer cidade en Santiago, poñendo á disposición dos veciños e dos viaxeiros un gran miradoiro sobre o Sar e unha nova rúa que, con forma de pasarela, superará a barreira histórica entre dous barrios da cidade, separados polas vías do tren.

Recordou o compromiso da Xunta e o Goberno de España para dotar Santiago dunha gran estación intermodal que contribúa a reforzar o atractivo da capital de Galicia ante o Xacobeo e que prepare a cidade para a chegada do AVE.

A este respecto, destacou que o Executivo autonómico está a cumprir cos seus cometidos, pero lamentou que o Goberno central siga sen ofrecer unha data certa para a posta en servizo do AVE e sen ningún avance na reforma da terminal ferroviaria de Compostela.

Lembrou que a Xunta continua á espera de que o Ministerio de Transportes e Adif atendan a demanda de eliminar a cláusula dos 3,5 millóns de viaxeiros, como requirimento para acometer unhas obras imprescindibles para Santiago e para o seu futuro.

Imaxes relacionadas