Medio Ambiente recolle nunha publicación a singularidade de trinta núcleos históricos para por en valor a súa riqueza paisaxística

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou esta mañá na presentación da publicación ‘A paisaxe do tempo’, onde se analiza a evolución urbanística, territorial e paisaxística destes núcleos que foron pezas importantes da rede urbana, a pesares de non rexistrar o desenvolvemento dunha cidade

Trátase dun traballo de investigación, análise, estudio e divulgación sobre o urbanismo destas vilas e as distintas tipoloxías de núcleos históricos

Recorda que nesta última década, Galicia definiu un corpus normativo e de planificación que son unha garantía para a conservación das paisaxes galegas e o desenvolvemento dun urbanismo sustentable e equilibrado

Muros (A Coruña), 19 de xaneiro de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá o libro A paisaxe do tempo, unha publicación na que se recolle a singularidade de tinta núcleos menores de Galicia, cos que poñer en valor a súa riqueza paisaxística.

Así o trasladou esta mañá durante a presentación deste traballo de análise no Concello de Muros, unha das localidades que ostenta o privilexio de contar cun núcleo histórico menor, é dicir, ámbitos que no seu día foron pezas moi importantes na rede urbana de Galicia, pero que non acadaron o mesmo nivel de desenvolvemento que as cidades ou vilas maiores; pero que presentan valores peculiares e diferenciados.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que este libro vai máis alá do substantivo, pois é un traballo de investigación, análise, estudo e divulgación sobre a evolución urbanística e tamén territorial, paisaxista e a vivenda; e de como estas catro materias se interrelacionan e coordinan nestas vilas singulares (Ao final da nota de prensa, axuntase unha táboa na que se recollen os casco históricos menores obxecto da publicación).

Ángeles Vázquez salientou que grazas a este traballo coñécense as diferentes tipoloxías de núcleos históricos, como por exemplo as vilas itinerarias (aquelas que resultan da agregación lineal das edificacións, vinculadas a un itinerario de paso ou a un camiño previamente existente); ou os núcleos mariñeiros, entre os que se diferencian as vilas-ponte de fondo de ría, cuxo desenvolvemento se caracteriza polo establecemento do propio límite das actividades mariñeiras e o abrigo ambiental que proporciona o interior das rías; e os portos fondeadoiro, que son uns asentamentos que se viron condicionados, na súa localización, pola existencia inicial dunha zona de varadoiro natural para as embarcacións e cunha saída fácil cara o mar e cunha implantación territorial que garanta a relativa accesibilidade respecto das vías principais de comercio terrestre.

Puxo como exemplo, o caso de Muros, unha vila moi ligada ao sector da pesca, cun casco antigo fermoso que mantén as vivendas tradicionais dos mariñeiros compostas por baixos con arcos apuntados, onde se apeaban as caixas do peixe, que as mulleres preparaban, mentres que os homes arranxaban os aparellos de pesca.

A paisaxe do tempo é, pois, unha investigación histórica sobre o pasado das nosas vilas; pero tamén é un traballo de análise desde a perspectiva da ordenación urbanística, que ten en conta a paisaxe, a problemática dos tecidos residencias e o valor cultural destes núcleos históricos.

Nese sentido, a conselleira manifestou que hoxe a sociedade galega está máis sensibilizada coa conservación e o uso sostible do territorio e da protección das paisaxes; e conta cun corpus normativo e un marco de intervención e de desenvolvemento que medrou e evolucionou nestes últimos anos, grazas á aprobación da Lei do solo, e do seu regulamento, das Directrices de Ordenación do Territorio e da Paisaxe, do Plan de Ordenación do Litoral e da Colección das Paisaxes de Galicia. Unha ampla lista de ferramentas, normativa e recomendacións, que nos guían e nos din como debemos coidar, protexer e conservar o territorio galego, matizou.

 

CASCOS HISTÓRICOS MENORES

A CORUÑA (8)

Mugardos, Betanzos, Corcubión, Fisterra, Muros, Noia, Padrón e Pontedeume.

LUGO (8)

Mondoñedo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Monterroso, Portomarín, Castro de Rei e Viveiro.

OURENSE (9)

Allariz, O Barco de Valdeorras, Castro de Valdeorras, Castro Caldelas, Celanova, Manzaneda, Verín, Ribadavia e Vilanova dos Infantes

PONTEVEDRA (5)

Baiona, Cambados, Combarro, Tui e Vilanova de Arousa.

Imaxes relacionadas