A Xunta executa obras de reforma e incremento da eficiencia enerxética no colexio de Carballedo, cun investimento de 250.000 euros

O delegado territorial, Javier Arias, sinalou que o centro disporá de novos servizos e maior confort, ao tempo que reducirá o consumo e as emisións contaminantes

Carballedo (Lugo), 19 de xaneiro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, desprazouse hoxe a Carballedo para comprobar o resultado das obras de reforma que se están levando a cabo no Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Xosé Luis Taboada, nas que o Goberno Galego investiu 250.000 euros. Nesta visita estivo acompañado polo alcalde de Carballedo, Julio Yebra-Pimentel, e pola directora do centro, Mercedes Regal Fernández.

O representante da Xunta destacou que a Consellería de Educación continúa modernizando os centros públicos, mellorando as dotacións e o confort para a comunidade educativa, e avanzando no eido da sustentabilidade ambiental, con edificios que reducen o consumo enerxético e as emisións contaminantes.

Durante pouco máis de mes e medio leváronse a cabo neste centro unhas obras nas que a principal finalidade foi a de acadar un maior aforro enerxético, ademais de executar outras actuacións accesorias para ofertar novos servizos e un maior confort para os usuarios do centro.

En concreto, cambiáronse a carpintería exterior, o illamento e as luminarias por unhas novas de tecnoloxía LED e realizáronse novas divisións, ademais de colocar falso teito no comedor e no office, e levar a cabo a reparación e pintado de paredes exteriores e interiores e da carpintería interior existente.

Así mesmo as obras permitiron actuar na recondución das augas pluviais na zona do pavillón e acometer reparacións puntuais na cuberta e no sistema de evacuación de augas pluviais.

Malia que o proxecto inicial contemplaba unha reparación parcial das escaleiras de acceso, finalmente levouse a cabo unha reforma completa das mesmas, e co fin de garantir unha maior seguridades para os escolares, colocouse unha varanda neste acceso.

As obras executadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade permitiron acometer actuacións dirixidas a un maior control térmico no centro Xosé Luís Taboada. En concreto substituíronse as xanelas existentes por unhas de maior estanquidade ao aire e con sistema de apertura oscilobatente e unha maior resistencia térmica, grazas ao sistema de ponte térmica e vidro dobre con cámara de aire. Tamén se optou polo cambio das caixas das persianas incorporando o denominado sistema monoblock, con illamento para as carpintarías con persiana. Por outra banda, tamén se colocou falso teito con alma de la de roca na zona de comedor e no office, como parte das actuacións dirixidas a acadar maior aforro enerxético e control térmico. As melloras tamén incluíron a substitución de luminarias na zona de comedor e no office por outras de maior eficiencia enerxética .

Outras melloras

Aínda que mellorar a eficiencia enerxética do centro foi o principal obxectivo destas actuacións, aproveitáronse as obras para levar a cabo varias melloras que repercutirán nun maior confort para os usuarios do centro. Entre outras, procedeuse a reparar a pintura tanto no interior como no exterior; á limpeza e pintado de patios interiores; novas divisións no comedor e office por necesidades do centro e reparacións puntuais da cuberta.

Outra das actuacións acometidas tiveron por obxecto a recondución de augas pluviais no entorno do pavillón e nas zonas de menor afección para a funcionalidade do centro, así como no sistema de evacuación de augas pluviais, dado que presentaba perdas que afectaban á salubridade.
 

Imaxes relacionadas