A conselleira do Mar visitou as instalacións da fábrica de xeo no peirao cedeirense

As melloras realizadas na fábrica de xeo da confraría de pescadores de Cedeira permiten reducir ata un 50% o seu consumo enerxético

Esta actuación supuxo un custo total de 508.000 euros e foi subvencionada pola Consellería do Mar na convocatoria de 2020 de axudas á mellora da eficiencia enerxética, da seguridade e condicións de traballo dos pescadores e da calidade dos produtos desembarcados

Na mesma convocatoria a confraría de Cedeira obtivo outra achega para un investimento de 15.400 euros co que renovar o alumeado no interior da lonxa

Ambos proxectos de mellora están entre os 35 aprobados o ano pasado cun importe global de axuda de 2,1 millóns de euros e dos que se beneficiaron 23 confrarías de pescadores, entre elas a de Cedeira

Cedeira (A Coruña), 19 de xaneiro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a aposta da Xunta pola eficiencia enerxética, a modernización e a aplicación da tecnoloxía nos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque de produtos do mar. Un compromiso, especificou, que se pon de manifesto con axudas que contribúen a estes fins, que están financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que permiten desenvolver proxectos como o da mellora da eficiencia enerxética da fábrica de xeo da confraría de pescadores de Cedeira, que contribúe a un aforro que pode chegar ata o 50% na súa factura eléctrica.

Así o sinalou durante a visita a estas instalacións na que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Este proxecto, especificou a titular de Mar, está en marcha desde decembro e supuxo un investimento de preto de 508.000 euros que contou con apoio da Xunta no marco da convocatoria de achegas de 2020 destinadas a este fin.

Ademais, engadiu Rosa Quintana, esta actuación suporá para a confraría a redución dos gastos de mantemento deste espazo e xerará beneficios aos usuarios, mariñeiros e armadores. Trátase dun claro exemplo de eficiencia enerxética que favorece o aforro no consumo e o coidado do medio ambiente, indicou.

A actuación consistiu na renovación de todo o sistema de produción e almacenamento de xeo, que está composto por dous xeradores de xeo con cadanseu condensador, un cunha produción de cinco toneladas diarias e outro de 10 toneladas diarias. Ademais conta con dúas unidades de arrefriamento para silo de xeo a baixas temperaturas (entre -15ºC e -25 ºC).

A esta axuda súmase outra na mesma convocatoria de arredor de 15.400 euros, que tamén cobre boa parte do investimento a realizar e destinada á renovación da instalación de alumeado no interior da lonxa de Cedeira. Ambos proxectos de mellora están entre os 35 aos que se lle concederon axuda na convocatoria de 2020 por un importe global de 2,1 millóns de euros e dos que se beneficiaron 23 confrarías de pescadores, entre elas a de Cedeira.

Rosa Quintana incidiu en que este tipo de melloras facilitan o traballo do sector e contribúen a aumentar a súa competitividade nun contexto no que é especialmente necesario. Ao mesmo tempo, subliñou, favorecen o desenvolvemento e a sustentabilidade da pesca costeira artesanal que opera nas lonxas e portos de Galicia. Deste xeito, incidiu, a comunidade segue impulsando o mar e os seus profesionais, que desempeñaron e desempeñan un labor fundamental desde o inicio da pandemia pola covid-19.

Imaxes relacionadas