A Xunta defende que os fondos europeos son unha oportunidade para que Galicia e Asturias poidan competir en igualdade de condicións coas comunidades do arco mediterráneo

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá no encontro dixital ‘La oportunidad de los Fondos Europeos para Galicia y Asturias”, organizado pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) e Banco Sabadell

Sinala que o obxectivo da Xunta é presentar unha selección de iniciativas tractoras que incorporen á pequena e mediana empresa

Avanza que as propostas de Galicia elixidas polo Goberno para optar aos fondos Next Generation serán consideradas proxectos industriais estratéxicos

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá no encontro dixital La oportunidad de los Fondos Europeos para Galicia e Asturias –organizado pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) e Banco Sabadell–, onde se ofreceu á comunidade veciña para colaborar en proxectos que xeren sinerxías e contribúan a captar fondos europeos. “Son a oportunidade para que as comunidades do noroeste, como Galicia e Asturias, poidamos competir en igualdade de condicións coas rexións do Arco Mediterráneo”, subliñou e incidiu nos retos compartidos como a transición enerxética, a despoboación e o reto demográfico, ou a modernización do sector primario e o impulso da industria forestal.

Conde pediu sensibilidade ao Goberno de España para que reconsidere os criterios de reparto dos fondos, tendo en conta as especiais condicións do noroeste peninsular. Demandou eliminar toda discriminación territorial a través de criterios obxectivos e transparentes como ter en conta a despoboación, a dispersión xeográfica, o envellecemento poboacional, a transición dixital e ecolóxica ou os niveis de renda per cápita.

Galicia traballa desde hai meses para presentar unha selección de iniciativas tractoras que incorporen á pequena e mediana empresa co obxectivo de lograr unha verdadeira recuperación económica e social. Por iso, as propostas de Galicia que elixa o Goberno central para optar aos fondos europeos Next Generation serán consideradas proxectos industriais estratéxicos. A Comunidade contará axiña cun novo marco normativo, grazas á Lei de reactivación económica, que dará máxima prioridade a estas iniciativas.

Na súa intervención, Conde lembrou que Galicia xa presentou un total de 108 proxectos cunha mobilización de 9400M€ ao redor da modernización do tecido produtivo, a transición ecolóxica, a cohesión social e territorial ou a administración dinámica e dixital. Ademais, Galicia xa presentou varias propostas ás manifestacións de interese lanzadas polo Goberno en materia de hidróxeno verde e de despoboamento no rural e profundiza en proxectos para os que aínda está o prazo aberto.

Imaxes relacionadas