Feijóo aborda coa alcaldesa de Vilalba os proxectos de maior interese para o concello

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe coa alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, os proxectos de maior interese para o Concello, entre os que destaca a construción dun Centro de día, nos terreos da estación de autobuses; unha obra que se prevé sexa cofinanciada con outras administracións.

En materia de vivenda, Feijóo salientou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo é propietario de 3 edificacións para rehabilitar, nas rúas Concepción Arenal, Ferrería e Porta da Cima. Unha vez que se obteña a autorización de Patrimonio, confirmou que a Xunta encargará a redacción dos proxectos dos dous inmobles de vivendas e a demolición dos restantes.

No tocante ás infraestruturas, o titular do Executivo autonómico referiuse ao reforzo do firme da AG-64, que está en execución, e recordou que a Administración autonómica está á espera de que o Concello autorice a execución dunha nova parada de autobuses.

En materia económica, Feijóo destacou que Vilalba conta, xunto co Concello de Abadín, cun novo obradoiro de emprego, denominado Terra Cha no Camiño. E, no eido educativo, confirmou as actuacións de mellora previstas no CEIP Mato Vizoso, que se sumarán as recentes actuacións levadas a cabo no IES Basanta Silva e no IES Lois Peña.

Sobre o servizo de comedor do EEI de Vilalba, cómpre salientar que a mediados de febreiro asinarase o convenio, por un importe de máis de 31.000 euros, incluíndo os meses deste curso e do curso que vén, que sufragará a Xunta.

No eido cultural, ambos analizaron a posibilidade de poñer en marcha conxuntamente medidas de promoción do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. E, por último, tamén atendeu a solicitude da alcaldesa de avaliar a mellora da travesía LU-119, lembrando que a Xunta investiu nos últimos anos 1,2 M€ na modernización das travesías LU-126 e LU-118.

En relación coa pandemia, o responsable do Goberno galego destacou a colaboración entre ambas administracións, coa entrega de material -máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais- para a loita contra a covid por parte da Administración autonómica. Así mesmo, precisou que, ata o momento, 27 empresas do concello recibiron xa apoios para reactivar a súa actividade, así como axudas no eido da dixitalización.
 

Imaxes relacionadas