A Xunta apoia 8 proxectos de concellos e particulares na comarca da Coruña para a posta en valor do Camiño de Santiago cun investimento de máis de 74.000€

O delegado da Xunta visitou a zona na que se levaron a cabo as melloras nos puntos de acceso e humanización do pavimento do trazado do Camiño

O obxectivo desta liña é apoiar actuacións sobre elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios situados na Ruta Xacobea así como traballos de naturalización do trazado
 

Miño (A Coruña), 18 de xaneiro de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a zona na que se levou a cabo un proxecto de mellora paisaxística e posta en valor do Camiño de Santiago entre Outeiro e o espazo agrario de Viadeiro no Concello de Miño. As obras consistiron na mellora dos puntos de contacto, embelecemento dos puntos de acceso e humanización do pavimento no trazado do Camiño.

Este proxecto inclúese dentro dos beneficiarios da liña de subvencións habilitada por Turismo de Galicia para a mellora paisaxística e embelecemento dos bens e recursos situados no Camiño de Santiago.

O obxectivo desta liña de actuacións é apoiar actuacións sobre elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios situados na Ruta Xacobea así como traballos de naturalización e embelecemento do trazado que permitan ofrecer a mellor imaxe do Camiño de Santiago, especialmente de cara a celebración deste Ano Xacobeo bianual. As actuacións que recolle esta liña de axudas supoñen unha mobilización de recursos de máis de 1.4 millóns de euros dos que Turismo de Galicia achega o 75% do orzamento, preto dun millón de euros.

Nesta edición un total de 4 concellos da comarca da Coruña Abegondo, Betanzos, Miño e Paderne e 4 particulares de Cambre, A Coruña, Mesía e Sobrado son os beneficiarios con actuacións nos diferentes itinerarios do Camiño. Os oito proxectos contan cunha axuda da Xunta de máis de 74.000 euros. No total da provincia contarán co apoios desta orde 33 propostas e disporán dunha achega da Xunta de máis de 345.000 euros.

Melloras en vivendas e espazos públicos

Entre as actuacións que se posibilitan grazas a esta liña cóntanse a mellora e humanización de áreas de descanso, zonas verdes e mobiliario na contorna do Camiño, acondicionamento de fontes, muíños, hórreos e áreas recreativas así como embelecemento de vivendas, peches, valados, rehabilitación e acondicionamento de cubertas, revestimentos e edificios anexos ás vivendas.
 

Imaxes relacionadas