A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou por carta á alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, das melloras introducidas nos novos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia

A Xunta axusta os servizos de transporte público no Concello de Forcarei coa fin de mellorar a mobilidade dos veciños

A Consellería de Infraestruturas contactou coa empresa de transporte que opera neste municipio para realizar as adaptacións puntuais necesarias nas liñas

O servizo de primeira hora en dirección Pontevedra e Vigo estase a realizar sen incidencias, trasladando os estudantes desde este municipio ata a cidade do Lérez

A Xunta vén de culminar a implantación do Plan de transporte público de Galicia, que supón a renovación de 3.100 liñas que ofrecen 3 millóns de servizos ao mes

O Goberno galego lembra que atendeu as solicitudes do Concello de Forcarei durante a tramitación dos novos contratos e incorporou as súas achegas

Ethel Vázquez avanza que antes do verán os menores de 21 anos de Forcarei poderán viaxar de balde no autobús interurbano grazas á tarxeta Xente Nova

Explica que a Xunta está a impulsar a Área Única de Transporte, que levará a toda a comunidade as vantaxes do transporte metropolitano, como os transbordos gratis ou os descontos nos billetes

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2021

A Xunta vén de axustar os servizos de transporte público no Concello de Forcarei coa fin de mellorar a mobilidade dos veciños.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiulle unha carta á alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, na que lle traslada que o seu departamento contactou coa empresa de transporte que opera neste municipio para realizar as adaptacións puntuais necesarias e responder ás necesidades dos veciños.

Na misiva, a conselleira tamén lle comunica que o servizo de primeira hora en dirección Pontevedra e Vigo se está a realizar hoxe sen incidencias, trasladando os estudantes desde este municipio ata a cidade do Lérez.

O Goberno galego vén de culminar a implantación do Plan de transporte público de Galicia, que supón a renovación de 3.100 liñas que ofrecen 3 millóns de servizos ao mes.

Neste sentido, activáronse recentemente novos contratos coa fin de acadar a modernización e a mellora dos servizos, así como a adaptación das liñas á realidade da Galicia actual.

A Xunta, durante a tramitación destes novos contratos, mantivo unha liña de diálogo coas administracións locais para atender as súas solicitudes e incorporar aos proxectos aquelas que foran viables. Así, a Dirección Xeral de Mobilidade introduciu as achegas do Concello de Forcarei nos contratos que operan nesta área.

Cos novos contratos, o Concello de Forcarei dispón dunha rede de conexións adaptada ás necesidades da veciñanza e dunha cobertura horaria máis ampla que a anterior.

Non obstante, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue realizando unha análise continua do funcionamento do transporte público interurbano para efectuar os axustes precisos e ofrecer uns servizos eficientes aos cidadáns.

Vázquez Mourelle recorda na carta que a Xunta está a investir 74 millóns de euros anuais para proporcionar máis e mellores servizos no marco deste plan social, que tamén estenderá a tarxeta Xente Nova a toda a comunidade.

A este respecto, avanza que antes do verán, os menores de 21 anos do Concello de Forcarei poderán viaxar de balde no autobús interurbano da Xunta. A través desta iniciativa, a Xunta contribúe á economía das familias e facilita o acceso gratuíto dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente á formación non obrigatoria.

O Executivo autonómico tamén está a impulsar a creación da Área Única de Transporte, que levará a toda a comunidade as vantaxes do transporte metropolitano, entre as que destacan os transbordos gratuítos e os descontos no billete do autobús, á que os concellos poderán adherirse a través da sinatura do correspondente convenio de adhesión.