Conde afirma que o principal obxectivo do Polo Aeroespacial de Galicia 2025 é crear tecido industrial ao redor deste sector

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá na reunión do Consello Asesor da Civil UAVs Initiative

Explicou que durante os dous vindeiros anos desenvolverase unha infraestrutura única para avanzar no regulamento do sector a través da simulación e dun laboratorio 5G

O Polo, que xa leva mobilizado 164M€, busca nesta nova etapa crear a Galicia das próximas xeracións mantendo a aposta pola colaboración público-privada

A Xunta aspira a captar fondos europeos Next Generation para os novos retos da industria aeroespacial en Galicia

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá no Consello Asesor da Civil UAVs Initiative, no que asegurou que o principal obxectivo do Polo Aeroespacial de Galicia 2025 é crear tecido industrial ao redor deste sector.

Conde, que subliñou a importancia da colaboración público-privada desta iniciativa, agradeceu a súa implicación a todos os organismos, empresas, asociacións e colexios profesionais que forman parte e apoian este polo pioneiro en España no eido da industria aeroespacial. Destacou, ademais, que se trata dunha infraestrutura única polo seu tamaño, especialización, equipamento e pola súa capacidade de crecemento.

Así, o vicepresidente económico explicou que é o momento de dar o salto de cualidade e, por iso, sinalou que Rozas é un dos grandes proxectos tractores que Galicia xa presentou para optar aos fondos europeos Next Generation, estruturados en sete programas e 30 actuacións que comezarán a executarse neste primeiro trimestre de 2021.

Seguirase apostando, desde o punto de vista tecnolóxico, polas empresas na identificación das liñas tecnolóxicas de interese, pero tamén se crearán novos instrumentos de financiamento para investigacións das universidades e centros de coñecemento e tecnolóxicos; no eido dos mercados, desenvolverase un programa de Compra Privada de Innovación; e desde o punto de vista regulatorio (a nova figura do sandbox regulatorio) e da seguridade xurídica, farase de Rozas un lugar de referencia para a experimentación das novas tecnoloxías que atendan estas demandas do mercado e a súa viabilidade nun entorno real. Neste sentido, o polo axiña contará cun entorno de simulación grazas á colaboración do Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial (CDTI) e mais un laboratorio 5G –a previsión é poder desenvolver amabas as dúas iniciativas nos dous próximos anos–.

Conde lembrou que o Polo Aeroespacial de Galicia xa mobilizou un investimento de 164M€, case 10 veces máis que o inicialmente previsto; executou 59 proxectos de I+D e infraestruturas para vehículos aéreos non tripulados; contou co traballo de 800 profesionais de toda España; propiciou a creación de cinco novas empresas en Galicia; puxo en macha unha Business Factory Aero na que xa se incubaron ou aceleraron 19 proxectos empresariais; e identificáronse 430 solucións tecnolóxicas, produtos ou procesos, dos que seis están preparados para o seu despegue inmediato nos servizos da Xunta de Galicia. Son servizos públicos como o control da calidade da auga, a produción de cartografía para a xestión do territorio, os servizos de protección de incendios ou o control de pragas forestais.

Conde finalizou asegurando que o traballo feito e os proxectos que se van poñer en marcha permiten facer do Polo Aeroespacial de Galicia un proxecto transxeracional que busca crear a Galicia das vindeiras xeracións ofrecendo emprego de calidade, empresas competitivas e a participación desde Galicia nas grandes tendencias e retos globais.

Imaxes relacionadas