A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada da delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, visitou esta mañá a sede da asociación

A Xunta achega 330.000 euros a Provivienda para o acceso á vivenda de persoas en situación de rúa e programas de inclusión sociolaboral

O Goberno galego puxo á disposición das entidades sociais 34 millóns de euros para axudar a aqueles que se atopan nunha situación de vulnerabilidade social

Vigo, 18 de xaneiro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou os máis de 330.000 euros que a Xunta de Galicia achega a Provivienda para poñer en marcha iniciativas de acceso á vivenda e programas para a inclusión sociolaboral das persoas en situación de rúa. Fíxoo esta mañá nunha visita que realizou á sede desta asociación, acompañada da delegada da Xunta na cidade olívica, Marta Fernández Tapias.

Fabiola García quixo agradecer o labor que realizan entidades sociais como Provivienda nunha situación de excepcionalidade como a que está a provocar a pandemia sanitaria. Neste sentido, salientou que a Xunta de Galicia está a achegar contías récord aos colectivos que traballan neste eido.

A Xunta de Galicia puxo a disposición das entidades sociais 34 millóns de euros, dos que Provivienda recibe 330.000 euros para a inclusión residencial de persoas en exclusión social e para poñer en marcha itinerarios de integración no mercado laboral, así como formación en competencias dixitais.

1000 Tarxetas Básicas

Ademais, a conselleira de Política Social adiantou que a Administración autonómica concedeu preto de 1000 Tarxetas Básicas no municipio de Vigo para a compra de produtos básicos como alimentos ou material de farmacia.

Cómpre salientar que o importe da tarxeta depende do número de membros da unidade familiar: desde os 150 euros mensuais dos fogares unipersoais ata os 300 euros para familias de tres ou máis membros.

Provivienda leva desde o 2017 traballando en Galicia a favor de aqueles que peor o están a pasar. Neste tempo a entidade conseguiu facilitar 400 vivendas a persoas que se atopan nunha situación de exclusión social.

Imaxes relacionadas