Dúas pemes galegas desenvolverán solucións de economía circular innovadoras co apoio do proxecto europeo C-Voucher

Hifas da Terra (Pontevedra) e Vermislab (Santiago de Compostela) foron seleccionadas no marco da iniciativa financiada pola Comisión Europea na que participa a Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (Gain)
 

Ambas compañías recibirán 15.000 euros e asesoramento técnico durante un período de 3 meses

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2021

A empresa pontevedresa de biotecnoloxía Hifas da Terra, dedicada á investigación e á innovación no desenvolvemento de nutracéuticos a partir de fungos medicinais, e a compañía educativa compostelá Vermislab, centrada na realización de actividades extraescolares, talleres e campamentos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, resultaron seleccionadas entre as 24 pemes europeas que están a desenvolver solucións innovadoras de economía circular no marco do proxecto C-Voucher.

C-Voucher é a primeira iniciativa financiada pola Comisión Europea para promover a economía circular nas cadeas de valor das empresas. A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), forma parte dos 13 socios de seis países (España, Polonia, Francia, Dinamarca, Romanía e Suecia) que participan no proxecto. A iniciativa está financiada a través do programa H2020 e destina 4,2 millóns de euros ao longo de catro convocatorias, das que esta é a derradeira. Nas anteriores, as pemes galegas Merasys e Krack Zapaterías resultaron beneficiarias.

Hifas da Terra e Vermislab recibirán unha axuda económica de 15.000 euros e asesoramento técnico durante a fase creativa de desenvolvemento do “caso de negocio circular” e na identificación doutras posibles canles de financiamento, durante un período de 3 meses.

O proxecto que está a desenvolver Hifas da Terra consiste en cambiar o modelo tradicional de cultivo dos cogomelos -a partir dos que producen complementos alimenticios- para reducir a cantidade de residuo orgánico que se xera. Para iso, estudan introducir o cultivo líquido, máis eficiente e que dá resultados máis estandarizados, acadando maior calidade e reducindo os residuos. Ademais, valoran empregar sub-produtos da industria láctea para acelerar os procedementos de cultivo líquido.

Pola súa banda, Vermislab busca crear produtos educativos, como xoguetes e pezas 3D, a partir de lixo que normalmente se tira. Este modelo permitiralles crear os seus propios xoguetes e mesmo diferentes versións dos mesmos, porque se poden reutilizar indefinidamente.