A Xunta investiu máis de 164.000 euros en diferentes actuacións medioambientais no concello de Ortigueira

A directora xeral de Administración Local destacou que o Fondo de Compensación Ambiental deixou na comarca de Ferrolterra máis de 937.000 euros en 14 proxectos

Ortigueira (A Coruña), 18 de xaneiro de 2021

A directora xeral de Administración Local comprobou as diferentes actuacións levadas a cabo no concello de Ortigueira ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental que contaron cunha achega da Xunta de máis de 164.000 euros.

Natalia Prieto, que asistiu acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Tenor, comprobou a utilidade do novo vehículo dumper articulado para o apoio en tarefas de control e emerxencia ambiental e visitou as obras de mellora de instalacións de ventilación e calefacción na escola de música deste municipio.

No marco deste fondo, que na convocatoria deste ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros, o Goberno galego financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

Durante a visita, a directora xeral de Administración Local informou que a través da orde do Fondo de Compensación Ambiental repartíronse máis de 937.000 euros en 14 proxectos na comarca de Ferrolterra nos municipios de Ares, A Capela, Cariño, Cedeira, Ferrol, Mañón, Monfero, Ortigueira, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño e na mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol.

Natalia Prieto destacou que “estas axudas son posibles grazas á aprobación, en 2009, da lei pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, xa que antes os concellos non percibían nada polos muíños de produción de enerxía eléctrica instalados no seu territorio”.

A directora xeral recalcou que estas axudas “van a destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial, polo que son de gran utilidade para os concellos”.

Imaxes relacionadas