A directora da Agader mantivo unha reunión cos responsables deste GDR para tratar a medida Leader, entre outros asuntos

A Xunta destinará case 270.000 euros ao grupo de desenvolvemento rural Salnés-Ulla-Umia para apoiar o seu labor ata o ano 2022

Con estas achegas búscase que o GDR poida continuar dinamizando a súa zona de influencia na provincia de Pontevedra e seleccionando novos proxectos que contribúan a acadar un maior desenvolvemento dos concellos implicados

No encontro tamén se abordaron as posibilidades de posta en valor que ofrecen os distintos instrumentos de mobilización que contempla a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, recentemente rexistrada no Parlamento

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, reuniuse esta semana con representantes do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Salnés-Ulla-Umia, aos que comunicou que a Xunta destinará case 270.000 euros deica o ano 2022 para apoiar o labor de dinamización que levan a cabo na súa área de influencia na provincia de Pontevedra.

En total, o Goberno galego distribuirá un total de 7,3 millóns de euros entre os 24 GDR galegos, para garantir o desenvolvemento de proxectos no rural nos próximos dous anos. Trátase de que poidan continuar implementando as súas respectivas estratexias nos distintos territorios mediante a selección de novas iniciativas que contribúan a acadar un maior grao de desenvolvemento das áreas rurais, dentro da medida Leader. A maiores, mediante estas aportacións dáse cumprimento ao establecido polo Plan de Reactivación deseñado pola Consellería do Medio Rural, implicando estes grupos no impulso de accións dirixidas a sectores como o agroalimentario, o gandeiro, o forestal, o turístico, o ambiental ou o do pequeno comercio.

A maiores, a xuntanza tamén serviu para tratar as posibilidades que ofrecen os instrumentos de mobilización contemplados na futura Lei de recuperación da terra agraria -recentemente rexistrada no Parlamento galego- para o desenvolvemento rural e a dinamización territorial, especialmente a través do fortalecemento do sector agrario. Así, a directora xeral da Agader debulloulles aos representantes do GDR Salnés-Ulla-Umia os detalles dos polígonos agroforestais, das áreas cortalumes ou das aldeas modelo, coa idea de buscar o encaixe dalgunha destas figuras na súa área de influencia.

O GDR Salnés-Ulla-Umia é o encargado da planificación dos proxectos que se levan a cabo no marco da medida Leader no ámbito dos municipios pontevedreses de Caldas de Reis, Cambados, Catoira, Cuntis, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Moraña, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía de Arousa y Vilanova de Arousa. Neste grupo pode integrarse calquera entidade con presenza na zona que desexe participar na súa dinamización e desenvolvemento e que cumpra cunha serie de requisitos para facerse membro.

Imaxes relacionadas