A Xunta inicia a vindeira semana traballos de roza e limpeza en dúas novas estradas da provincia de Ourense, continuando coas actuacións en vías da Coruña, de Lugo e de Pontevedra

Comezan os labores na OU-111, en Laza e Vilar do Barrio, e na OU-212, da Ermida-a Beade; e intensifícanse na OU-504, entre Ribadavia e Cea, na OU-531 A, en Xinzo e Cortegada e na OU-113, de Verín a Vilar de Barrio

Na provincia de Lugo seguirase avanzando nas tarefas de limpeza nas vías de altas prestacións CG-2.2, en Lugo e no Corgo; e na da Coruña proseguirán na VG.-1.2, entre Ares e Mugardos

Tamén se retoman as tarefas de roza na vía de alta capacidade CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, e continúan na VG.-4.3, entre Cambados e Vilagarcía

Os traballos céntranse na retirada de especies pirófilas e nas rozas nas marxes das estradas, así como no acondicionamento das sendas para o tránsito peonil
 

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2021

A Xunta ten previsto iniciar a vindeira semana os traballos de roza e limpeza en dúas novas estradas de titularidade autonómica da provincia de Ourense, continuando coas actuacións que vén desenvolvendo nos últimos días en distintas vías das provincias da Coruña, de Lugo e de Pontevedra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas actuacións, comezarán os traballos nas estradas da provincia de Ourense: OU-111 en Laza e Vilar do Barrio, e na OU-212, da Ermida-a Beade. Ao tempo, intensifícanse estes labores na OU-504, entre Ribadavia e Cea, na OU-531 A, en Xinzo e Cortegada e na OU-113, de Verín a Vilar de Barrio

Na provincia de Lugo avanzarase nos traballos de roza na vía de altas prestacións CG-2.2, en Lugo e no Corgo; e na provincia da Coruña proseguirán os traballos de roza na VAP VG.-1.2, entre Ares e Mugardos.

En canto ás actuacións nas estradas de titularidade autonómica da provincia de Pontevedra, este luns retómanse os labores de roza e limpeza na vía de altas prestacións: CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, así como os traballos na VG.-4.3, entre Cambados e Vilagarcía.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.
 

Imaxes relacionadas