A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas para impulsar o uso das enerxías renovables e a eficiencia enerxética no sector agrícola

O Goberno galego destina 2,5M€ para que empresas e autónomos do ámbito agrícola primario poidan optimizar o seu consumo enerxético e desenvolvan proxectos de biomasa, biogás, aerotermia, xeotermia, solar térmica, fotovoltaica e eólica

Os apoios, cuxo prazo de solicitude finaliza o 15 de febreiro, favorecerán a mobilización de 8,5 millóns de euros en 200 proxectos, a creación de arredor de 70 empregos e aforros anuais dun millón de euros na factura enerxética

O Consello vén de aprobar, ademais, a convocatoria para iniciativas que fomenten a eficiencia enerxética nos sectores industrial e de servizos

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2021.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria de axudas para impulsar proxectos tanto de enerxías renovables como de aforro e eficiencia enerxética. Dirixidas ao sector agrícola primario, as empresas e autónomos deste ámbito poderán aforrar un millón de euros ao ano na súa factura eléctrica.

As axudas –cuxo prazo de solicitude está aberto ata o 15 de febreiro– contan cun orzamento de 2,5 millóns de euros, o que facilitará a mobilización dun investimento final público-privado de 8,5M€ en aproximadamente 200 proxectos.

Pensadas para empresas e autónomos do sector agrícola primario –ben directamente ou a través de compañías de servizos enerxéticos–, promoverán instalacións de biomasa, biogás, aerotermia, xeotermia, solar térmica, fotovoltaica e eólica, así como actuacións de mellora da eficiencia que reduzan o consumo inicial en polo menos un 40% en proxectos de iluminación ou nun 10% no resto de iniciativas. As actuacións que poden acollerse ás axudas inclúen equipamento principal de xeración, custo da montaxe e posta en marcha.

A contía das axudas será do 30% do custo elixible no caso de grandes empresas, 40% para medianas e 50% para pequenas ata un máximo de 100.000 euros por proxecto e 300.000 por empresa, salvo nas instalacións de autoconsumo colectivo nas que se poderán alcanzar os 500.000 euros por proxecto e empresa.

Nesta ocasión, as axudas –convocadas pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Inega– serán de concorrencia competitiva co obxectivo de priorizar a implantación de instalacións renovables en explotacións agrarias que carezan delas e as situadas en zonas economicamente menos favorecidas, para o que se terán en conta os datos do IGE da renda dispoñible bruta por habitante dos concellos galegos.

Con esta convocatoria preténdense fomentar os investimentos neste tipo de proxectos, rebaixar os custos enerxéticos promovendo a competitividade empresarial, diminuír o consumo de enerxías convencionais, propiciar a mellora socioeconómica das áreas rurais e a súa protección ambiental e diminuír o período de pagamento aos provedores. Prevese crear arredor de 70 postos de traballo, reducir as emisións en 3600 toneladas de CO2 ao ano cun impacto equivalente á plantación de 180.000 árbores, e un aforro enerxético de 920.000 litros de gasóleo.

A Xunta convocou por primeira vez en 2017 unha liña específica de proxectos renovables para este sector e, desde entón, xa se levan apoiado máis de 500 iniciativas con axudas que superan os 7,7M€.

Por outra parte, o Consello da Xunta vén de aprobar unha nova convocatoria para apoiar proxectos de aforro e eficiencia enerxética en empresas dos sectores industrial e de servizos. Destinaranse 10M€ co obxectivo de mobilizar máis de 42M€, e propiciar un aforro enerxético equivalente a nove millóns de litros de gasóleo ao ano, así como un aforro económico de 7M€ anuais nas facturas enerxéticas e a creación de 340 empregos.

Imaxes relacionadas