Manuel Rodríguez visita as bases aéreas de loita contra os incendios en Lugo para explicar as melloras que permitirán optimizar recursos e acurtar os tempos de reacción

O director xeral de Defensa do Monte lembrou que se investirán 15 millóns de euros nas instalacións, no equipamento e no parque móbil do Servizo en toda Galicia, así como na construción dun Centro integral para a loita contra o lume

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2021

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, visitou esta semana as bases aéreas da Xunta para a loita contra os incendios forestais na provincia de Lugo, co fin de explicar as melloras previstas pola Consellería do Medio Rural para optimizar recursos e acurtar os tempos de reacción ante os lumes.

Nese contexto, o director xeral destacou que se van potenciar as infraestruturas defensivas e os plans de distrito, aplicando tamén as últimas tecnoloxías no que atinxe á extinción. Así, contémplanse sistemas de detección e avaliación de incendios dende medios aéreos, novas tecnoloxías de vixilancia e a utilización de operativos dixitais de radiocomunicación. Ao tempo, segundo destacou, continuarase co ambicioso plan de formación específico para o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Nesa liña, cómpre recordar que a Xunta investirá 15 millóns de euros na mellora das instalacións, do equipamento e do parque móbil a disposición do Servizo, o que contempla a construción e adecuación dunha rede mellorada e eficiente de puntos de encontro, tanto no referido ás instalacións do persoal antiincendios, almacéns do material de prevención e extinción como no que ten que ver coa construción de garaxes para os vehículos. Así mesmo, actualizarase o equipamento e o parque móbil de vehículos e motobombas para a defensa contra os lumes forestais.

A maiores, construirase un Centro integral para a loita contra o lume no antigo hospital do concello ourensán de Toén, un proxecto pioneiro a nivel europeo no que se contará cos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios e que terá por obxectivo centralizar nun mesmo punto a formación do persoal dedicado á loita contra o lume. Así, o Centro non só será un centro permanente para a cooperación, a investigación e a formación continua do que poderán beneficiarse bombeiros forestais procedentes de toda Europa, senón que tamén disporá dunha aula medioambiental para formar estudantes de distintos puntos de Galicia, co obxectivo de concienciar á sociedade sobre o traballo dos bombeiros forestais como protectores do monte.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural