A Xunta inicia traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Pontepedra e do rego da Xunqueira no concello de Tordoia

Augas de Galicia leva a cabo estas actuacións nos tramos destes ríos ao seu paso pola parroquia de Cabaleiros

Os traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións
 

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Pontepedra e do rego da Xunqueira, no concello de Tordoia.

As tarefas que Augas de Galicia está a levar a cabo estanse a desenvolver nos tramos interurbanos destes ríos, que coinciden co seu percorrido por distintos lugares da parroquia de Cabaleiros.

Estes labores forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como a retirada de madeira morta e atoamentos existentes. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-centro.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.
 

Imaxes relacionadas