A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade asinou dixitalmente co alcalde de Carballo o primeiro dos convenios dos plans específicos previstos nas 9 zonas fluviais de Galicia con maior risco de asolagamento

Ethel Vázquez avanza a licitación neste semestre da primeira das 5 actuacións para reducir o risco de inundacións no río Anllóns, en Carballo, cun investimento autonómico global de 3 M€

Vázquez Mourelle concreta que o primeiro proxecto que se impulsará é o destinado á realización dun bypass no río Anllóns, na zona de Muíño do Quinto

Adianta que nos vindeiros días comezará a redacción do proxecto para acometer a mellora hidráulica do río, entre a AG-55 e a AC-552, na rúa de A Cepeira, en Sísamo

Detalla outros proxectos como a demolición dunha edificación e a creación dunha canle de augas altas na rúa Sol; a mellora do parque San Martiño; e a reparación da ponte da rúa Fomento, con motas de contención augas abaixo da ponte

Apunta que as medidas apostan pola naturalización do leito e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras que afastan máis os ríos do estado natural

Subliña o traballo da Xunta para prepararse ante o cambio climático, protexendo o medio natural, a actividade económica e aumentando a seguridade cidadá

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanza a licitación neste semestre da primeira das cinco actuacións prioritarias para reducir o risco de asolagamentos no río Anllóns, en Carballo, que suporán un investimento autonómico global de 3 millóns de euros.

Vázquez Mourelle mantivo unha reunión por videoconferencia co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, para abordar estas actuacións enmarcadas no convenio de colaboración hoxe asinado dixitalmente entre ambas as dúas administracións.

Trátase do primeiro convenio de colaboración asinado entre a Xunta e un concello, no marco do Plan de xestión específico do risco de inundacións.

Este acordo establece que o Concello de Carballo debe pór á disposición os terreos e o Goberno galego, ademais da identificación das actuacións necesarias, elabora os anteproxectos e, posteriormente, os proxectos construtivos e a execución das obras.

A conselleira indicou que, unha vez asinado este convenio, procederase a contratar xa a redacción dos diferentes proxectos construtivos e das obras, que deben estar completamente rematadas en 2023.

Neste sentido, precisou que o primeiro proxecto a licitar é o relativo á realización dun bypass no río Anllóns, na zona de Muíño do Quinto, pois xa se está ultimando a súa redacción.

Detallou que nos vindeiros días tamén comezará a redacción doutro proxecto para acometer a mellora hidráulica do río ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552, na rúa de A Cepeira, en Sísamo, prevendo que a finais de febreiro xa estea para a supervisión técnica.

O plan tamén recolle outras tres actuacións, que son a demolición dunha edificación, remodelación da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol; a mellora do parque San Martiño, coa construción de motas de protección fronte ás avenidas; e a reparación da ponte da rúa Fomento, con motas de contención augas abaixo da ponte.

Estas medidas enmárcanse no Plan de xestión específico do risco de inundacións para o río Anllóns en Carballo, que recolle unha serie de actuacións, paliativas e preventivas, de aplicación por Augas de Galicia e o Concello.

Estas medidas apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas na construción de infraestruturas que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.

As accións de prevención van encamiñadas ao mantemento do leito, a unha axeitada ordenación urbanística ou, por exemplo, a instalar un novo punto de predición do sistema de alerta temperá na conca do río Anllóns e dunha estación de aforo para medir os caudais.

As medidas de recuperación e revisión tras as inundacións diríxense a longo prazo. Neste caso, o desenvolvemento do Plan de Actuación Municipal fronte a inundacións resulta fundamental, cos protocolos que teña definido para a recuperación tras unha enchente.

Tamén resulta necesario informar e promover entre os particulares a contratación de seguros de protección fronte a inundacións no ámbito do Anllóns.

As obras previstas no convenio serán cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder 14-20.

Plans específicos

Ethel Vázquez destacou que o Goberno galego está a traballar para estar preparados ante o cambio climático, pois cada vez é máis frecuente ter períodos prolongados sen precipitacións e episodios de chuvias intensas.

Ante este novo contexto, a Xunta dispón do Plan de Xestión de Risco de Inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

De forma paralela, o Executivo autonómico está a desenvolver plans específicos en 9 zonas fluviais de Galicia con maior risco por inundación.

Ademais desta área do río Anllóns, en Carballo, Augas de Galicia delimitou outras como as contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; do Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; do Campeda, en Vimianzo; dos Fontecova e Trasposta, en Viveiro; Bahíña e Groba, en Baiona; e do Lagares, en Vigo.

A conselleira fixo fincapé en seguir protexendo o medio natural, a actividade económica e os medios materiais e, sobre todo, aumentando a seguridade da poboación.

Imaxes relacionadas