A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá o centro de atención social continuada Vieiro, de Cáritas Santiago, que se beneficia destas axudas

A Xunta pon a disposición das entidades sociais 16 M€ para desenvolver iniciativas ou realizar melloras nos seus centros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF

Cáritas recibe ao seu abeiro un total de 2,5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, informou da resolución das axudas con cargo ao 0,7% do IRPF que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia e coa que a Xunta pon á disposición das entidades sociais preto de 16 millóns de euros para desenvolver iniciativas ou realizar melloras nos seus centros. Fíxoo durante unha visita ao centro de atención social continuada Vieiro, de Cáritas Santiago, que se beneficia tamén desta orde e no que estivo acompañada polo delegado episcopal da entidade, Jesús García Vázquez.

A conselleira destacou que estas axudas acadan máximos históricos precisamente nun ano no que se incrementan as necesidades dos colectivos máis vulnerables. Un impulso que permitirá que centros coma o de Vieiro sigan apoiando á xente que máis o necesita, “dándolles teito e abrigo ás persoas en situación de rúa, así como asesoramento, información e atención psicolóxica”, apuntou. En concreto, Cáritas recibe ao abeiro desta orde, correspondente ao ano 2020, un total de 2,5 millóns de euros.

Así mesmo, o Goberno galego tamén pon á disposición das persoas sen fogar máis de 300 prazas en albergues de toda Galicia. Unha atención residencial que se fai aínda máis necesaria por mor das baixas temperaturas rexistradas nas últimas semanas.

Imaxes relacionadas