A Xunta outorga axudas do plan de rescate para autónomos a case o 70% dos negocios de hostalería da cidade de Pontevedra por un importe global de 1,1 M€

Un total de 400 establecementos da capital provincial xa accederon a estas achegas, que foron solicitadas por 439, polo que os pagos realizados polo Goberno galego xa se sitúan no 91%

Case 3.400 negocios de hostalería da provincia recibiron estas compensacións cunha contía global de 8,5 millóns de euros

O Goberno galego xa traballa nun segundo Plan de rescate cunha liña específica de apoio á hostalería e propón a deputacións e concellos que se sumen ás axudas da Xunta para crear un fondo de cooperación covid-19 consensuado co sector

Pontevedra, 15 de xaneiro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, aprobou a concesión de axudas para case o 70% dos negocios de hostalería da cidade de Pontevedra ao abeiro do Plan de Rescate para Autónomos e Microempresas e os establecementos hostaleiros pechados como consecuencia das restricións sanitarias. En concreto, o executivo autonómico recibiu 439 solicitudes de establecementos da capital provincial e xa abonou estas compensacións a 400, o que supón un 91% de cumprimento, por un importe global de 1,1 millóns de euros.

Ademais, no ámbito provincial as peticións recibidas por parte do sector hostaleiro eleváronse ata 3.849 e xa se dou conta de 3.391 a través dunha aportación global, para compensar os efectos da restricións sanitarias fronte á covid-19, por valor de 8,5 millóns de euros. Así, a Xunta xa afrontou os pagos do 88% das solicitudes cursadas polo sector e afrontará as pendentes nos próximos días.

En toda a comunidade, presentáronse preto de 30.000 peticións de axudas ao abeiro do citado plan e xa se teñen aprobado 14.704 do sector hostaleiro -o 70% dos 20.688 dados de alta en Galicia- por valor de 23,7 millóns de euros no marco das tres liñas deste rescate, unha delas exclusiva para este ramo. Cómpre sinalar que as ordes xerais para autónomos e microempresas tamén destinaron gran parte dos seus fondos ao sector hostaleiro, con aportacións de 7,7 e 4,4 millóns de euros, respectivamente.

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, quixo destacar “a importancia e o peso económico destas axudas, xa que poden colaborar en gran medida a compensar os prexuízos polas restricións sanitarias, os peches e os efectos dos perímetros” e recalcou que o Goberno galego “está a demostrar a súa gran implicación con este ramo, o máis afectado, e é a administración de todo o Estado que máis fondos destina a estas compensacións, xa que sentimos os seus problemas por esta situación como propios”.

En concreto, a nivel de Galicia o 25% dos hostaleiros que tiveron que pechar percibiron importes de entre 2.700€ e 3.500€ na liña de autónomos, o 22% tamén se beneficiaron da liña de microempresas e accederon a achegas de entre 5.500€ e 6.500€, mentres que outro 14,5% sumouse ás tres ordes e alcanzou compensacións de entre 6.700€ e 8.500€. Así, e dependendo da casuística de cada un, as axudas oscilaron dende os 1.500€ e os 8.500€.


Por outra banda, a representante autonómica anunciou a habilitación de novas liñas de axudas para este sector ante os efectos derivados das medidas para afrontar a terceira vaga da covid-19, tal e como acordaron cos seus representantes os titulares da Vicepresidencia 1ª, Alfonso Rueda; Sanidade, Julio García Comesaña; e Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. A Xunta acordou cos hostaleiros, dunha banda, a posta en marcha dun segundo Plan de Rescate para facer fronte ás novas restriccións sanitarias, que se tramitará de xeito máis áxil que o primeiro; e, doutro lado, o Goberno galego e os representates da hostalería propoñen a creación dun fondo de cooperación Covid-19 que conte coa participación da Xunta, deputacións e os grandes concellos para salvar do peche a empresas e autónomos. A intención do Goberno galego pasa por promover máis compensacións cun cofinanciamento multilateral entre a Xunta de Galicia (50%), as deputacións provinciais (30%) e os concellos (20%). Do que se trata é de abrir unha tripla fronte para paliar o impacto económico das restricións mediante un fondo de cooperación.
“Cremos que todas as administracións deben implicarse nesta nova quenda, tal e como están intentando e impulsando outras comunidades autónomas, xa que os prexuízos para o sector deben ser afrontados e resoltos por todos cunha unidade de acción e un compromiso conxunto que nos demandan eles mesmos e os cidadáns”, significou Luisa Piñeiro.