A Xunta avalía co sector mineiro as novidades normativas que incluirá a futura Lei de reactivación económica de Galicia

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo esta mañá un encontro en liña con representantes desta industria

O obxectivo é converter a Comunidade nun lugar atractivo para investir apostando por unha administración áxil e moderna que dea resposta aos novos retos
 

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo esta mañá unha reunión en liña con representantes do sector mineiro galego para avaliar as novidades que vai supoñer a futura Lei de reactivación económica de Galicia.

No encontro, no que participaron membros de Arigal, dos Cluster da Pizarra e do Granito, do Ilustre Colegio Oficial de Geólogos de Galicia, das asociacións de Balnearios de Galicia e da provincial de graniteiros de Ourense, da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, da Cámara Mineira, dos Colexios Oficiais de Ingenieros de Minas Noroeste e de Enxeñeiros técnicos e grados en minas e enerxía de Galicia, expuxéronse os obxectivos da futura lei que o sector acolle como unha iniciativa positiva para o desenvolvemento da actividade mineira na Comunidade.

A directora xeral trasladou que esta normativa ten como principal obxectivo converter a nosa Comunidade nun bo lugar para investir, a través dunha tramitación administrativa máis áxil que, á vez, achegue as máximas garantías xurídicas, urbanísticas e medioambientais.

Estímase que o prazo de tramitación dun proxecto se reducirá nun terzo do tempo actual. Deste xeito, acádase o obxectivo de ser unha administración máis áxil, moderna e que responde mellor aos retos que se enfronta Galicia.
 

Imaxes relacionadas