A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e os alcaldes de Palas de Rei, de Friol e de Begonte abordaron as actuacións previstas

Ethel Vázquez avanza a licitación neste trimestre da 1ª fase das obras de mellora da seguridade viaria na estrada LU-231, entre Friol e Palas de Rei por 2,8 millóns de euros

O DOG publica hoxe os decretos de declaración da utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para executar a actuación, que ten un prazo de execución de 12 meses

Trátase do acondicionamento dos primeiros 9,4 km da estrada autonómica LU-231, 8,9 km no concello de Friol e os últimos 500 metros no de Palas de Rei

A sección da estrada ampliarase dos 5 aos 8 metros e mellorarase o trazado, suavizando as curvas de menor radio

A Xunta acondicionará esta vía en dúas fases, para o que se contratou a redacción de dous proxectos construtivos, estando o segundo redactado e en supervisión

Este eixo viario suporá a mellora da competitividade para a produción do sector primario e a industria desta contorna da provincia de Lugo

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a licitación neste 1ª trimestre das obras de mellora da seguridade viaria na estrada LU-231, entre Friol e Palas de Rei, por un investimento de 2,8 millóns de euros.

A titular de Infraestruturas da Xunta abordou este mediodía esta actuación cos alcaldes de Palas de Rei, Pablo José Taboada, de Friol, José Ángel Santos, e de Begonte, José Ulla.

O encontro de traballo, no que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, coincide coa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia do decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar a primeira fase das obras de mellora nesta estrada autonómica. O levantamento de actas previas farase tamén neste primeiro trimestre. A actuación conta cun prazo de execución de 12 meses.

O decreto de utilidade pública comprende as expropiacións das 222 fincas necesarias para acometer o acondicionamento da vía, que contan cun orzamento duns 175.000 euros.

Trátase do acondicionamento dos primeiros 9,4 km da estrada LU-231, 8,9 km situados no concello de Friol e os últimos 500 metros no de Palas de Rei, é dicir, o treito entre a travesía de Friol e o acceso a Castrelo.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://bit.ly/3ss9HcQ

As actuacións proxectadas

A sección da estrada ten actualmente un ancho aproximado de 5 metros, polo que os carrís son estreitos e non contan con beiravías. Esta sección ampliarase ata os 8 metros, con dous carrís de 3,5 m de ancho cada un e beiravías de 0,5 m, salvo na zona con máis edificacións.

O proxecto contempla melloras do trazado, suavizando as curvas de menor radio. Cabe salientar que se mellorará o cruce do punto quilométrico 2+100 coa estrada provincial LU-P-1611, pola que se chega a Guntín, nun sentido, e a Begonte (A-6), no outro.

A estrada LU-231 ten aproximadamente 18,7 quilómetros desde a travesía de Friol ata o enlace coa A-54 máis próximo ao núcleo de Palas de Rei. A Xunta ten prevista a súa mellora en dúas fases, para o que contratou a redacción de dous proxectos construtivos, estando o segundo redactado e en fase de supervisión técnica.

A execución desta actuación permitirá conformar xunto coa estrada provincial LU-P-1611 un eixo norte-sur de mobilidade con prestacións axeitadas entre a A-54 en Palas de Rei e a A-6 en Begonte, nun punto moi próximo ao sen enlace coa A-8.

Este eixo viario suporá a mellora da competitividade para a produción do sector primario e a industria desta contorna da provincia de Lugo.

Imaxes relacionadas