A Xunta lembra que o Concello de Ames debe acadar un acordo co Concello de Santiago para garantir os servizos de autobús urbano aos veciños da parroquia de Ortoño

A liña entre a capital galega e a parroquia amiense de Ortoño estaba a ser prestada polo transporte urbano do Concello de Santiago, como prolongación dunha liña urbana

O servizo non forma parte do ámbito do Plan de Transporte Público de Galicia, que vén de completar a súa implantación o pasado 23 de decembro

Pese a que a prolongación de liñas urbanas non é competencia autonómica, a Xunta ten trasladado ás administracións locais a súa colaboración técnica para atopar unha solución satisfactoria que garanta a prestación do servizo aos veciños

Os novos contratos de autobús interurbano da Xunta melloran a mobilidade entre Ames e Santiago, con conexións directas cos hospitais e a ampliación de frecuencias para favorecer os traslados de estudantes e traballadores

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2021

A Xunta lembra que o Concello de Ames debe acadar un acordo co Concello de Santiago de Compostela para garantir os servizos de autobús urbano aos veciños da parroquia amiense de Ortoño.

A liña de autobús entre a capital galega e esa parroquia estaba a ser prestada polo transporte urbano do Concello de Santiago de Compostela, sendo a prolongación dunha liña urbana.

Non forma parte, polo tanto, do ámbito do Plan de Transporte Público de Galicia, que configura o servizo de titularidade autonómica e que vén de completar a súa implantación o pasado día 23 de decembro.

O Goberno galego, a pesar de que a prolongación de liñas urbanas non é competencia autonómica, sendo conscientes da importancia que ten para a mobilidade dos veciños, ten manifestado a súa posición de apoio para tratar de atopar unha solución satisfactoria para ambos os dous concellos que garanta a prestación dos servizos aos veciños. Neste sentido, a Xunta pon á disposición das administracións locais a colaboración técnica e administrativa que precisen.

En canto aos novos contratos de autobús interurbano da Xunta, que botaron a andar en decembro, recollen melloras nas comunicacións entre Santiago e Ames. Entre outras optimizacións, incorporouse a parada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago en varios servizos diarios que anteriormente non dispoñían dela. Así, un total de 93 servizos diarios permiten a conexión directa co centro hospitalario de referencia na zona.

Tamén se ampliaron os horarios de varias liñas para favorecer os traslados de estudantes e traballadores entre Ames e Santiago a primeira hora da mañá e á última hora do día.

En total, a nova oferta de transporte público na zona da Comarca de Santiago superará os 154.000 servizos anuais, sumando máis de 2,8 millóns de quilómetros percorridos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade lembra que as liñas e horarios de autobús están dispoñibles na páxina web www.bus.gal.