A Xunta e o Porto da Coruña colaboran para desenvolver proxectos industriais cos que optar aos fondos europeos Next Generation

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, e o director da mesma, Juan Diego Pérez

Estanse a estudar diferentes propostas en ámbitos como as enerxías renovables e a transición enerxética

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, e o director desta entidade, Juan Diego Pérez, para avanzar na colaboración entre a Xunta de Galicia e o Porto coruñés no desenvolvemento de proxectos industriais cos que optar aos fondos europeos de recuperación Next Generation.

En concreto, estanse a estudar diferentes propostas en ámbitos como o industrial, as enerxías renovables e a transición enerxética. Neste sentido, Conde e Fernández Prado coincidiron en subliñar a oportunidade que brindan os fondos europeos para propiciar a captación de novas industrias e tráficos portuarios para punta Langosteira que contribúan á creación de emprego.

Conde, que destacou o importante papel que xoga a Autoridade Portuaria da Coruña na internacionalización da economía galega e as oportunidades que achega o porto exterior, lembrou que Galicia presentou xa unha candidatura inicial con 108 proxectos que poderán mobilizar máis de 9.400 millóns de euros para optar aos fondos europeos Next Generation. Estas iniciativas céntranse na modernización do tecido produtivo; a mobilidade sustentable e a transición ecolóxica; a cohesión social e territorial e a administración dinámica e dixital.

O vicepresidente económico puxo de relevo a importancia da colaboración entre todos os axentes para lograr estes obxectivos, apuntando que os portos galegos son infraestruturas clave para alcanzar a transformación da economía galega no actual contexto económico.

No encontro, o presidente do Porto da Coruña aproveitou para trasladarlle ao vicepresidente económico as principais liñas coas que traballa a Autoridade Portuaria para a elaboración do Plan Estratéxico 2021-2025.

Imaxes relacionadas