A Xunta licita novas obras de saneamento e abastecemento en distintos lugares da parroquia de Larín, no Concello de Arteixo, por preto de 335.000 euros

Trátase da mellora dos sistemas dos servizos municipais entre os lugares de Mirón, Chamusqueira, Capela de San Roque, Campo da Pedra, Fraga e Anide

As empresas interesadas na execución dos traballos poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 5 de febreiro

Esta actuación súmase ás xa rematadas e entregadas ao Concello nos núcleos Larín de Arriba, Salto do Carro, Groba de Abaixo, Areal, Pedroso e Coque, que supuxeron un investimento autonómico de máis de 332.000 euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue achegando apoio técnico e financeiro aos concellos para que presten estes servizos de competencia local

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de licitar as obras de mellora do sistema de saneamento e abastecemento entre os lugares de Mirón, Chamusqueira, Capela de San Roque, Campo da Pedra, Fraga e Anide, cun investimento de preto de 335.000 euros.

A Plataforma de Contratos de Galicia recolle a licitación das obras, dispoñendo as empresas interesadas na súa execución ata o día 5 de febreiro para presentar as súas ofertas. Os traballos contarán cun prazo de execución de 3 meses.

Actuarase na rede de saneamento destes núcleos, executándose dous tramos de colectores e unha estación de bombeo de auga residual (EBAR) coa súa impulsión. Para a implantación da rede de abastecemento nestes lugares construiranse 4 tramos de rede en tubaxe e substituirase un equipo de presión por un novo con maior potencia, contando tamén con dúas bombas cunha capacidade de 1,8 m3/ hora.

Esta intervención forma parte do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Arteixo e Augas de Galicia para a mellora dos servizos nas parroquias de Larín e Monteagudo. A Xunta entregou recentemente á entidade local as actuacións hidráulicas xa executadas para a mellora dos sistemas de saneamento e abastecemento nos núcleos de Larín de Arriba, Salto do Carro, Groba de Abaixo, Areal, Pedroso e Coque, que supuxeron un investimento de máis de 332.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan ofrecer de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.