A Xunta publica hoxe no DOG o decreto de expropiacións para executar as obras de mellora da capacidade do enlace da autovía do Salnés coa estrada PO-504 en Sanxenxo

A actuación contará cun investimento de preto de 340.000 euros, nos que se inclúe o pago das expropiacións dos 8 predios necesarios para executar as obras

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá á convocatoria do levantamento de actas previas e á licitación das obras no 1º semestre de 2021

Incrementarase a seguridade viaria no enlace da autovía AG-41 e na vía de altas prestacións VG-4.1 coa PO-504 e mellorarase a fluidez da circulación en momentos de moita afluencia de tráfico

Esta actuación é compatible co desdobramento da vía de altas prestacións VG-4.1 previsto na planificación da Xunta

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar as obras de mellora da capacidade do enlace da Autovía do Salnés coa estrada PO-504, en Sanxenxo.

O orzamento autonómico para executar este proxecto ascende a preto de 340.000 euros, nos que se inclúe o pagamento das expropiacións dos 8 predios necesarios para executar esta actuación. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/DOG+AG-41_PO-504

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá á convocatoria do levantamento de actas previas e á licitación das actuacións no primeiro semestre deste ano. Os traballos teñen un prazo de execución de 12 meses.

Trátase dunha actuación de reforzo da seguridade viaria no enlace da autovía AG-41 e na vía de alta capacidade VG-4.1 coa PO-504, que busca mellorar a fluidez da circulación en momentos de moita afluencia de tráfico que poden chegan a afectar á citada vía de alta capacidade. A día de hoxe, os vehículos que proceden da Lanzada en dirección Sanxenxo percorren un ramal de saída de 200 metros de lonxitude, de escasa lonxitude e con falta de fluidez de tráfico pola existencia dunha sinalización de stop no seu final.

O proxecto da Xunta busca tanto a mellora da seguridade viaria como da fluidez do tráfico. Para iso proponse a modificación do ramal que parte da estrutura sobre a actual PO-504, para executar un ramal cun radio de xiro axeitado e ampliar a calzada no tramo da estrada entre a glorieta do enlace de Sanxenxo e da PO-504, eliminando o stop e dotándoo dun carril adicional.

Tamén é necesario elevar a rasante actual do ramal da conexión entre glorietas para reducir a pendente de saída do ramal.

Tras entroncar coa vía actual, o novo ramal continúa configurándose a estrada con dous carrís en sentido Sanxenxo, ata chegar á glorieta da PO-504, o que permite aumentar a capacidade e mellorar considerablemente o fluxo de tráfico.

Cómpre destacar que esta solución é compatible co desdobramento da vía de alta capacidade VG-4.1 previsto na planificación da Xunta.

O proxecto tamén inclúe solucións provisionais de tráfico que permitan manter aberto o ramal de saída da VG-4.1 durante a execución das obras, salvo momentos moi puntuais.