Seguirase un estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19

O DOG publica as convocatorias dos actos expropiatorios para executar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada OU-105, en Seixalbo, na contorna do tanatorio de Ourense

O levantamento de actas previas fíxase o 26 de xaneiro e o pagamento de depósitos previos e formalización das actas de ocupación o 23 de marzo

As obras supoñen un investimento autonómico que rolda o millón de euros, están xa licitadas e o obxectivo é inicialas a finais de primavera

A intervención centrarase na reordenación da sección transversal da estrada para optimizar a circulación dos peóns e do tráfico rodado, actuando en 350 metros

Executarase unha nova glorieta para o acceso á rúa Canizo e mellorarase o acceso ao tanatorio, con carril central de espera para favorecer os xiros á esquerda

Disporase una senda na marxe dereita desta rúa ata a súa conexión coa OU-105, habilitaranse beirarrúas e melloraranse os pasos de peóns e as paradas de autobús

Estes traballos súmanse aos xa realizados en 2019 entre a zona do tanatorio e O Cumial, que supoñen un investimento conxunto da Xunta de 1,8 millóns de euros

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dos actos expropiatorios necesarios para executar as obras da 2ª fase da mellora da seguridade viaria e mobilidade na estrada autonómica OU-105, en Seixalbo, na contorna do tanatorio de Ourense.

A convocatoria do levantamento de actas previas á ocupación fíxase para o vindeiro días 26 de xaneiro, das 16,00 ás 18,00 horas no salón de plenos do Concello de Ourense. Posteriormente, os titulares dos terreos precisos para execución destas obras están citados o día 23 de marzo para o pagamento de depósitos previos e a formalización das actas de ocupación, no horario das 16,00 ás 18,00 horas, no salón de plenos do Concello de Ourense. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/w7iez

As obras, cun investimento autonómico que rolda o millón de euros, están xa licitadas e o obxectivo é inicialas a finais de primavera e telas rematadas a principios de 2022, xa que contan cun prazo de execución de 8 meses.

Protocolo covid-19

O acto expropiatorio realizaranse seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19.

Así, para garantir o proceso e todas as medidas de seguridade sanitaria establécese que o local debe dispoñer dunha superficie suficiente para garantir a separación mínima, zona de espera ampla e ventilación e limpeza frecuente, onde non se poderá superar o límite de aforo, ademais de contar con carteis informativos e xeles hidroalcohólicos. Mentres, os titulares das fincas teñen a obriga de asistir con máscara, ir só as persoas estritamente necesarias e non acudir no caso de presentar febre ou síntomas respiratorios.

Case 1 millón de euros para actuar en 350 metros

A intervención ten por obxectivo completar a reforma integral da OU-105 en Seixalbo con novos traballos que consistirán na reordenación da sección transversal da estrada para optimizar a circulación dos peóns e do tráfico rodado, actuando nun treito de 350 metros de lonxitude.

Executarase unha nova glorieta de 36 metros de diámetro para o acceso á rúa Canizo e tamén se mellorará o acceso ao tanatorio por esa mesma rúa, con carril central de espera para favorecer os xiros á esquerda. Ademais, a rúa Canizo deixarase de sentido único desde o seu inicio ata o tanatorio e de dobre sentido desde o acceso ao tanatorio á nova glorieta.

O intervención tamén incidirán na mellora da mobilidade, tanto dos vehículos, coma dos peóns. Para iso mellorarase a mobilidade na entrada e saída da rúa Canizo; disporase unha senda na marxe dereita desta rúa ata a súa conexión coa estrada autonómica e habilitaranse beirarrúas, adaptando os pasos de peóns para que sexan accesibles. Ademais, disporase un paso de peóns con iluminación específica e regulación semafórica para dar continuidade aos percorridos peonís e poder acceder á parada de autobuses en dirección a Ourense, ademais de dúas paradas de autobús asociadas aos pasos de peóns.

Os traballos completaranse coa mellora dos firmes e pavimentos, xunto co alumeado, saneamento e drenaxe, sinalización e balizamento en todo o treito da actuación.

Intervención completa en Seixalbo

Esta intervención dálle continuidade ás obras executadas no ano 2019 pola Xunta no tramo de 1,5 quilómetros, entre a zona do tanatorio e O Cumial, mediante un investimento autonómico de 850.000 euros.

A actuación permitiu executar unha nova glorieta no acceso principal a Seixalbo; eliminouse o terceiro carril para calmar o tráfico e para poder dispoñer dese espazo para carrís centrais e aparcadoiros; melloráronse os pasos de peóns e instaláronse novas marquesiñas para as paradas de bus; actuouse nas beirarrúas e habilitáronse sendas en ambas as marxes, no teito final, incidindo na traza do Camiño de Santiago.

Ambas as dúas actuacións de reforzo da seguridade viaria e mellora da mobilidade en Seixalbo contan cun investimento autonómico conxunto de 1,8 millóns de euros.