O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación dos 20 concellos beneficiarios das axudas da Xunta da convocatoria de 2020 para elaborar os plans de emerxencia fronte á seca
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé que neste ano 40 municipios terán os seus documentos preparados para poder anticiparse a situacións de seca
Finánciase ata o 80% da elaboración do plan de emerxencia con ata 15.000 euros por solicitude e cubrindo as actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro de 2020
É a segunda convocatoria desta iniciativa de colaboración cos concellos nas súas competencias, para que se doten dunha ferramenta básica de planificación e anticipación para garantir o abastecemento de auga á poboación
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se fai publica a relación dos 20 concellos beneficiarios das axudas da convocatoria de 2020 para elaborar os plans de emerxencia fronte á seca.
Nesta convocatoria de axudas impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, os concellos recibiron axudas entre 7.000 e 15.000 euros. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/73rip
Trátase da segunda convocatoria de colaboración cos concellos nas súas competencias municipais, publicada en xuño do ano pasado, que se suma a unha primeira realizada no ano 2019, que xa beneficiou a 20 municipios. Así, prevese acadar este ano os 40 concellos cos seus documentos preparados para poder anticiparse a posibles situacións de seca.
Con estes incentivos, a Xunta presta apoio técnico e financeiro en materia de augas aos concellos para que cada sistema de abastecemento dispoña do seu propio plan de emerxencia fronte á seca e teña claro como actuar ante unha situación de alerta.
Estas axudas financian o 80% do custo da redacción do plan, cun importe de ata 15.000 euros por solicitude e subvencionan actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro de 2020. Ademais, as axudas son compatibles co cofinanciamento que acheguen outras administracións públicas, como as deputacións provinciais.
Os plans de emerxencia fronte a seca son un instrumento clave para anticiparse e preparar solucións que garantan o abastecemento de auga á poboación.
Cómpre lembrar que a Lei de garantía de abastecemento de auga, aprobada pola Administración autonómica e que entrou en vigor o pasado mes de xaneiro, establece un prazo de 2 anos para que os concellos de menos de 20.000 habitantes elaboren plans de emerxencia fronte á seca.
A seguinte relación mostra os concellos aos que Augas de Galicia concedeulle a citada axuda.
CONCELLO SOLICITANTE | IMPORTE DA AXUDA |
Concello de Gomesende | 9.825,2 € |
Concello de Coirós | 14.229,6 € |
Concello de Piñor | 9.825,2 € |
Concello de Castrelo de Miño | 9.825,2 € |
Concello de Toén | 9.825,2 € |
Concello de Nogueira de Ramuín | 8.808,8 € |
Concello de Frades | 14.229,6 € |
Concello de Sober | 14.036 € |
Concello de Mesía | 14.229,6 € |
Concello de San Sadurniño | 14.510,32 € |
Concello de Begonte | 14.036 € |
Concello de Cartelle | 14.000 € |
Concello de Ares | 14.520 € |
Concello de Abegondo | 14.360,28 € |
Concello de Ribadeo | 10.822,42 € |
Concello de Larouco | 7.260 € |
Concello de Pontedeva | 7.260 € |
Concello de Ribeira de Piquín | 14.520 € |
Concello de Parada de Sil | 9.825,2 € |
Concello de Cortegada | 9.825,2 € |