A Xunta recibe 6 ofertas para executar as obras da primeira fase do Hospital Público Gran Montecelo de Pontevedra, cun investimento de case 130 millóns de euros

Das 6 ofertas presentadas 5 están conformadas por UTE que agrupan a 16 empresas

As obras, que comezarán en xuño, consisten na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de 92.000 m2 distribuídos en 10 andares

A zona de basamento distribuirase en dous edificios de 5 plantas, un dianteiro para as consultas externas e outro atrás para as urxencias e o bloque cirúrxico, sobre os que se elevará un terceiro edificio que albergará a área de hospitalización

O interese do Goberno galego de executar este proxecto conforme a criterios de eficiencia e calidade sanitaria levou a incrementar o orzamento inicial en 15 M€

A Xunta investirá un total 155 M€ para dotar a área de Pontevedra dun hospital de referencia, pois na 2ª fase reformarase o edificio actual cun investimento de 25 M€

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2021

A Xunta recibe 6 ofertas para executar as obras da 1ª fase do Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra, que comezarán en xuño, cun investimento de 129,93 millóns de euros.

Das 6 ofertas presentadas para desenvolver estas actuacións, 5 están conformadas por UTE que agrupan a 16 empresas.

O interese do Goberno galego de executar este proxecto conforme a criterios de eficiencia e calidade sanitaria levou a incrementar o orzamento inicial en 15 M€.

Para avanzar nesta infraestrutura sanitaria, os Orzamentos da Xunta para 2021 recollen unha partida de 13,50 millóns de euros.

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 42 meses, consistirán na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares.

O novo edificio, que ocupará unha superficie superior os 12.500 metros cadrados, estará composto por un primeiro volume distribuído en dúas edificacións, que actuará como base dun segundo que albergará as áreas de hospitalización.

Concretamente, construirase unha zona de basamento, que estará distribuída en dous edificios de cinco plantas : un dianteiro, no que se situarán as consultas externas que engloban, entre outros servizos, as consultas de hematoloxía, de medicina preventiva, de cardioloxía, ou de dixestivo; e outro traseiro onde estarán ubicadas as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios, entre outros. Sobre esa zona de basamento elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.

No seu conxunto, a Xunta investirá 155 millóns de euros para dotar Pontevedra e os veciños da área dun hospital renovado e de referencia, o Hospital Público Gran Montecelo, xa que nunha segunda fase das obras reformarase o edificio hospitalario actual, para posteriormente executar o aparcadoiro cuberto, cun investimento de 25 millóns de euros.

O novo inmoble estará unido ao resto das instalacións do hospital Montecelo e nel centralizaranse servizos como a área de urxencias, a Unidade de Coidados Intensivos, a hospitalización con ingreso ou as especialidades de maior complexidade. A atención ambulatoria prestarase nas instalacións actuais de Montecelo, aproveitando os investimentos realizados nos últimos anos para adecualas aos servizos de cirurxía maior ambulatoria, cirurxía de curta estancia, un hospital de día e diversas consultas.

O Goberno galego mantén a aposta por mellorar a atención hospitalaria, que actualmente se presta en tres centros diferentes e fisicamente separados e afastados: o Centro de Especialidades de Mollavao, o Hospital Provincial e o Hospital Montecelo.

Coa ampliación os profesionais desenvolverán o seu traballo nun único edificio, cunha única porta de Urxencias, sen interferir na actividade asistencial do antigo edificio, co que posteriormente se realizará a conexión.

Esta distribución foi definida polos propios profesionais da sanidade pública, con achegas de 300 traballadores obtidas en 120 reunións e preto de 2.400 enquisas.

Coas obras de ampliación e reforma, o Gran Montecelo verá ampliada a súa capacidade para atender as necesidades asistenciais dunha poboación de 26 concellos e os seus máis de 300.000 habitantes, dos próximos 50 anos.

Imaxes relacionadas