A Xunta colabora en proxectos conxuntos dos concellos de Curtis, Sobrado e Vilasantar para levar a cabo melloras ambientais e de infraestruturas

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou as obras deseñadas para facilitar a mobilidade na rúa Xabroeiro, que divide os concellos de Curtis e Vilasantar e nas que Vicepresidencia inviste 43.750 euros

A Xunta financia tamén, con máis de 30.700 euros, un novo equipo ambiental para a protección do medio ambiente nos concellos de Curtis, Vilasantar e Sobrado

Vicepresidencia investiu no concello de Curtis, en solitario ou en colaboración con outros concellos, máis de 1,6M€

Curtis (A Coruña), 11 de xaneiro de 2021

  O vicepresidente primeiro e conselleiro de Vicepresidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou as obras que a Xunta está a financiar no concello de Curtis e que foron solicitadas de forma conxunta con outros municipios, un sistema de colaboración entre entidades que permite gañar en eficiencia e optimizar recursos.


Un exemplo de colaboración é o das obras levadas a cabo na rúa Xabroeiro, que divide os municipios de Curtis e Vilasantar e que veñen xestionando os dous concellos de forma conxunta. A Consellería de Vicepresidencia, Xustiza e Turismo colaborou nesta actuación cunha axuda de 43.750 euros para rehabilitar o firme da rúa e construír unha senda peonil para facilitar a mobilidade. Trátase dun investimento feito a través da Orde de infraestruturas de uso público, dotada o ano pasado con catro millóns de euros, un millón máis que no ano anterior, e que permite dotar aos concellos de infraestruturas básicas para os seus servizos.

A colaboración intermunicipal permitiu tamén crear un novo equipo ambiental composto por nove persoas que se encarga de vixiar e velar pola protección do medio ambiente nos concellos de Curtis, Vilasantar e Sobrado. Neste servizo, que o vicepresidente da Xunta e a directora xeral de Administración Local puideron coñecer de primeira man, instaláronse 18 composteiros nos tres concellos co obxectivo de contar cunha eficiente xestión dos residuos.

A Xunta investiu nesta iniciativa máis de 30.700 euros do Fondo de Compensación Ambiental, dotado no 2020 cun orzamento de 12,5 millóns de euros. Con este fondo sufragouse tamén a dotación de auga potable ao núcleo da Froula (Santa Eulalia) para unilo á rede de abastecemento municipal, e que contou cunha axuda de Vicepresidencia de 36.000 euros.

O vicepresidente primeiro puxo en valor o “espírito de colaboración” entre concellos e asegurou que os servizos compartidos van ter o apoio da Xunta de Galicia, porque “cando os concellos se unen para colaborar e presentar proxectos en común, os beneficios multiplícanse”, subliñou Alfonso Rueda.

A Xunta de Galicia leva investido desde o ano 2009 máis de 1,6M€ no concello de Curtis, xa sexa en actuacións en solitario ou das que se beneficiaron tamén outros concellos.

Imaxes relacionadas