As empresas teñen de prazo ata o 21 de xaneiro para presentar ofertas para as obras de mellora do abastecemento de Castro de Rei, que suporán un investimento de 630.000 euros

O obxectivo é resolver os problemas para cubrir as demandas de auga estivais no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea, desde onde tamén se abastece ao polígono industrial

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, financia o 80% da actuación, correspondendo o 20% restante ao Concello

Trátase da primeira fase das obras, coas que se executarán 2 tramos de tubaxe de abastecemento de polietileno de alta densidade que permitirán conectar coa rede existente nos seus extremos e solucionar as deficiencias de presión

Os traballos completaranse coas obras da segunda fase, que permitirá mellorar a conexión co parque empresarial e o servizo, cun investimento de 355.000 euros

A Xunta segue a colaborar cos concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais de abastecemento e depuración

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2021

As empresas interesadas na execución da 1ª fase de mellora do abastecemento do concello de Castro de Rei, licitadas por preto de 630.000 euros, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 21 deste mes.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recolle na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia os pregos de contratación das obras correspondentes á mellora do sistema de abastecemento de auga ao núcleo de Castro de Ribeiras de Lea.

Trátase de resolver os problemas que presenta este municipio lucense no citado núcleo de Castro de Ribeiras de Lea, desde onde tamén se abastece ao polígono industrial da zona. Esta rede presenta déficit de presión en distintos puntos durante o período estival e polo tanto falta de capacidade para cubrir as demandas nesta época.

As obras, que contan cun prazo de execución de 6 meses, enmárcase na colaboración técnico-financeira da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade co Concello de Castro de Rei, autorizada polo Consello da Xunta o pasado día 3 de decembro. Segundo este acordo, a Xunta financia o 80% do orzamento necesario para este proxecto, correspondendo o 20% restante do importe ao Concello. A actuación contará co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

Para buscar solucións a esa falta de capacidade da rede para cubrir as demandas punta estivais, Augas de Galicia encargou a redacción dos proxectos para a mellora da rede de abastecemento de auga de Castro de Rei, fase I e fase II. Estes proxectos permitiron definir as actuacións máis necesarias a acometer para mellorar a rede de abastecemento de auga de Castro de Rei e o obxectivo e desenvolvelas en dúas etapas.

Nesta primeira etapa, executaranse as solucións definidas na fase I do proxecto, mediante a construción de 2 tramos de tubaxe de abastecemento de polietileno de alta densidade no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e inmediacións do termo municipal. Os tramos de condución proxectados permitirán conectar coa rede existente nos seus extremos, coa fin de solucionar as deficiencias de presión detectadas no sistema de abastecemento na época estival.

Proxéctase tamén a execución de varias arquetas de formigón armado para aloxar as ventosas e desaugues proxectados, así como as conexións coa rede existente.

A segunda etapa das intervencións previstas, correspóndese coa fase II, e ten un orzamento base de licitación de máis de 355.000 euros. Nesta intervención posterior, prevese a execución dun ramal que, partindo das conducións realizadas na Fase 1, melloren a conexión co polígono industrial e o servizo.

O obxectivo destas intervencións é dotar o municipio dun sistema de abastecemento depuración que responda ás necesidades da poboación. Así, o proxecto no seu conxunto dará servizo a preto de 2.600 habitantes desta contorna para o ano 2040.

Estas actuacións enmárcanse na liña de colaboración que vén prestando a Xunta de Galicia aos concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais de abastecemento e depuración.