A Xunta publica hoxe no DOG a aprobación do proxecto de construción dunha senda peonil na estrada autonómica AC-214 en Sigrás, no Concello de Cambre

Esta actuación dispón dun investimento de 878.000 euros e as obras serán licitadas no primeiro trimestre deste ano

Executarase un itinerario duns 720 metros de lonxitude, desde o cruce coa AC-213 e a N-550, nos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo

A senda adaptará a súa configuración ás edificacións existentes nas marxes da estrada e ampliarase a calzada entre os puntos quilométricos 8+860 e 9+280, acondicionando nas zonas que sexa posible banda de aparcadoiro

A Xunta desbloquea a actuación ao darse por descartado o cumprimento do compromiso por parte do Concello para poñer á disposición da Administración autonómica todos os terreos necesarios para a execución das obras

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de construción dunha senda peonil na estrada autonómica AC-214, en Sigrás, ao seu paso polo concello de Cambre.

Esta actuación, que disporá dun prazo de execución de 9 meses, conta cun orzamento autonómico de 878.000 euros, incluídas as expropiacións das 21 fincas necesarias para acometer o acondicionamento da vía.

O DOG tamén publica a aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://xurl.es/81gls.

O obxectivo desta intervención é a mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria na estrada AC-214, coa construción dunha senda, fundamentalmente peonil, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 8+500 e 9+260, desde a intersección tipo glorieta coa AC-213 e a N-550, dentro dos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá á convocatoria do levantamento de actas previas e á licitación das obras no primeiro trimestre do ano 2021, unha vez que o pasado 29 de decembro o Consello da Xunta aprobou o decreto polo que declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar a senda.

Segundo o proxecto redactado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, o novo itinerario, duns 720 metros de lonxitude, contará con pavimento de formigón e unha sección variable adaptada á configuración da estrada, que conta con edificacións nas súas marxes. En calquera caso, garántese a accesibilidade mediante unha sección mínima de 1,80 metros, máis 20 centímetros de bordo transitable de separación da calzada.

Ademais, ampliarase a calzada entre os puntos quilométricos 8+860 e 9+280, xa que a actual sección é insuficiente, e conseguiranse dous carrís de 3 metros e beiravías de 0,5 metros. Nas zonas nas que sexa posible acondicionarase banda de aparcadoiro.

Entre os traballos que se van acometer destaca a conformación da explanada ampliada para calzada e senda, coas demolicións, roza e movemento de terras precisos, así como a execución de 5 muros de formigón armado e muretes de mampostería nos bordes da estrada para contención de terras.

A intervención complétase coa execución da necesaria drenaxe, sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas e acondicionamento de dúas das paradas de bus.

A Xunta desbloquea este proxecto ao darse por descartado o cumprimento do compromiso por parte do Concello de Cambre de poñer á disposición da Administración autonómica todos os terreos necesarios para a execución das obras, pese ás reiteradas e sucesivas propostas de colaboración trasladadas á entidade local para impulsar as obras.