A Xunta publica a licitación das obras na residencia de maiores Concepción Arenal da Coruña nas que investirá preto de 253.000 euros

As actuacións son para a reparación da cuberta plana da planta baixa do centro

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2021

A Xunta publicou a licitación para a contratación das obras que se van realizar na residencia de maiores Concepción Arenal da Coruña e nas que o Goberno galego investirá preto de 253.000 euros. En concreto, as obras serán para reparación da cuberta plana sobre a planta baixa do inmoble, que xera un espazo exterior accesible a modo de terraza.

Este procedemento determina os requisitos técnicos que deberán reunir as empresa interesadas, que deberán presentar a súa solicitude para facerse cargo da obra. Esta actuación permitirá corrixir os defectos que provocan as filtracións de auga, causando deterioros nos espazos inferiores, cun novo sistema de cuberta que permita un axeitado mantemento do inmoble, así como unha praza exterior ao aire libre, acondicionada para o tránsito das persoas usuarias.

O Goberno galego destinará nos orzamentos de 2021 un total de 4,8 millóns de euros en obras na provincia da Coruña. Dentro destas actuacións atópase estas obras na residencia Concepción Arenal, así como a creación dun arquivo no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) da Coruña ou melloras na residencia de Caranza en Ferrol.