A Xunta lembra que as persoas sen fogar contan cunha rede de albergues en toda a comunidade para protexerse da vaga de frío

Galicia conta con máis de 300 prazas en instalacións xestionadas por diferentes entidades sociais repartidas entre as catro provincias galegas

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2021

A Xunta lembra que as persoas sen fogar teñen á súa disposición unha ampla rede de recursos para protexerse das baixas temperaturas e as inclemencias do tempo durante a vaga de frío que está a atravesar a Península Ibérica. O Goberno galego, a través de diferentes liñas de axuda e subvencións, colabora na financiación de prazas nas catro provincias galegas.

A Comunidade conta nestes momentos con máis de 300 prazas neste tipo de centros, pero, ademais dun recurso temporal para resgardarse das baixas temperaturas, a meirande parte deles conta con servizos de restauración, aloxamento e orientación profesional, así como de aseo persoal, lavandería e atención e acompañamento social.

Para garantir a atención a un dos colectivos máis vulnerables da sociedade, a Xunta elaborou un Plan pioneiro de atención ás persoas sen fogar, dotado con 73 millóns de euros e cuxas principais medidas xa se están a poñer en marcha. Neste sentido, os orzamentos para este ano da Consellería de Política Social tamén inclúen un investimento histórico, de 18 millóns de euros, que están a disposición das entidades dedicadas á inclusión social.

Para axudar ás persoas sen fogar é fundamental en moitas ocasións a colaboración de toda a sociedade á hora de recorrer aos servizos sociais en caso de detectar algún caso de desprotección.
 

Imaxes relacionadas