A Xunta activa para mañá unha alerta laranxa por temporal costeiro na provincia da Coruña

Alértase dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro no noroeste e oeste da costa coruñesa por mar combinada do noroeste con ondas de máis de 4 metros e vento do noroeste forza 8

Lémbrase a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a web axega112.gal
 

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2021

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña a partir de mañá pola tarde.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), este fenómeno meteorolóxico afectará ao noroeste e oeste da costa coruñesa por vento do noroeste forza 8 e mar combinada do noroeste con ondas que poden superar os 4 metros. O resto do litoral galego permanecerá en nivel amarelo.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincia afectada; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra nas zonas afectadas a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CIAE 112 (axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.
 

Imaxes relacionadas