A Xunta apoia a dotación de vestiarios no complexo deportivo do parque Eloísa Rivadulla de Chantada

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, as melloras realizadas no marco da Orde de Infraestruturas de uso público

Chantada (Lugo), 8 de xaneiro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe as melloras levadas a cabo no complexo deportivo do Parque Eloísa Rivadulla de Chantada, que conta con tres pistas de tenis, e onde a Xunta colaborou co concello no financiamento duns vestiarios adaptados a través da Orde de Infraestruturas de uso público.

Natalia Prieto destacou durante á visita, á que tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que esta actuación permitirá contar cuns vestiarios adaptados e mellorar así o confort dos usuarios cunhas instalacións axeitadas. Deste xeito, o Goberno galego contribúe no equipamento das infraestruturas deportivas do municipio para favorecer a actividade física entre a poboación.

A través da Orde de Infraestruturas de uso público, a Administración autonómica apoia aos concellos na creación, mellora ou reforma das infraestruturas básicas dos servizos municipais, co obxectivo de que as entidades locais poidan executar proxectos que redunden na calidade de vida dos seus veciños.

A convocatoria de 2020 desta orde de axudas da Xunta contou cun orzamento de catro millóns de euros, un millón máis que o exercicio anterior.
 

Imaxes relacionadas