Os traballos de rehabilitación na fachada do hospital de San Roque estarán rematados en verán

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, visitou hoxe as obras que contan cunha inversión de preto de 200.000 euros por parte do Goberno galego

O principal obxectivo desta actuación é resolver os problemas de humidade e as deficiencias nos elementos de evacuación e partes metálicas

A intervención reforza o compromiso da Xunta por poñer en valor o patrimonio que se reflicte nun incremento do 19% nos orzamentos deste ano para este fin
 

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe que as obras do Hospital de San Roque estarán rematados en verán. Fíxoo nunha visita na que estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e na que coñeceu o estado actual dos traballos impulsados polo Goberno galego mediante unha inversión de preto de 200.000 euros.

Os traballos para reparar e restaurar a fachada do antigo Hospital de San Roque, fundado no século XVI, iniciáronse o pasado mes de setembro cun prazo de execución de nove meses. O principal obxectivo destas actuacións promovidas pola Consellería de Cultura é acabar cos problemas de humidade que afectan ao inmoble. Para iso, resolveranse as deficiencias nos elementos de evacuación das augas pluviais que, debido a falla de mantemento, están afectados pola presenza de vexetación. Ademais, nas fachadas este e norte, instalaranse novos elementos como canais e baixantes de cobre.

As obras complétanse coa reparación das filtracións absorbidas por capilaridade, un problema que actualmente está ocasionando manchas de humidade no interior do inmoble e que está chegado a deteriorar os revestimentos da parte inferior da fachada. As actuacións en marcha tamén inclúen a substitución dos elementos metálicos, como reixas, varandas ou ferraxes, que debido á oxidación estean provocando manchas no granito e no revestimento do edificio.

Por último, procederase á limpeza na carpintería, os revocos das fachadas, nos parámetros verticais e nos pavimentos de pedra co obxectivo de substituír os elementos que estean en mal estado e de eliminar a vexetación e as manchas de sucidade e humidade.

Sede de diversas institucións culturais

Durante a visita, o titular de Cultura, salientou que con estas actuacións o Goberno autonómico continúa reforzando o seu compromiso co patrimonio galego e que se reflicte nos orzamentos do vindeiro ano, onde a partida para actuacións de conservación e restauración se incrementa nun 19%. Neste caso, os traballos impulsados pola Xunta de Galicia permitirán poñer en valor a capela de San Roque e o hospital homónimo que, na actualidade, é sede de diversas institucións culturais como a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Centro Ramón Piñeiro e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento nas que, en total, traballan preto de 70 persoas.

Imaxes relacionadas