A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas para impulsar a competitividade dos parques empresariais e a creación de novos viveiros industriais

Prevese a mellora das infraestruturas de 28 polígonos e a implantación de catro viveiros grazas a un investimento de 3,1M€

Os Concellos Emprendedores terán prioridade á hora de acceder a estas dúas convocatorias cuxo prazo finalizará o vindeiro oito de febreiro

Entre ambas as dúas iniciativas, desde a súa posta en marcha, o Goberno galego leva apoiado 593 proxectos en 150 parques empresariais e impulsado 13 viveiros industriais

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as dúas novas convocatorias de axudas para a mellora dos parques empresariais galegos e para a creación de novos viveiros industriais que permitirán a mobilización de 4,3 millóns de euros.

O Goberno galego reserva un total de 2,3M€ á orde de axudas de mellora das infraestruturas dos parques empresariais coa que se agarda apoiar ao redor de 28 proxectos e mobilizar así máis de 3 millóns de euros. Cunha intensidade do 80% e un límite de 120.000 euros para solicitudes individuais e 138.000 para solicitudes de máis dun concello, impulsaranse actuacións de plantas de depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, de sistemas contra o roubo de cable e instalacións comúns destinadas á loita contraincendios no parque.

Con esta liña, da que se poden conceder anticipos de ata o 25%, preténdese favorecer unha actualización permanente dos parques industriais da Comunidade para dar resposta ás necesidade de infraestruturas, comunicacións ou de adecuación ás novas exixencias.

Por outra banda, destínanse 800.000 euros á creación de viveiros industriais de empresas co obxectivo de apoiar aos novos empresarios nas súas primeiras etapas de actividade. Agárdase mobilizar 1,25M€ en catro instalacións. Cunha intensidade do 80% das axudas e un límite de 240.000 euros por solicitude, fomentaranse actuacións de construción, reforma ou equipamento interior de naves industriais, das que debe ser titular o Concello que solicite as axudas.

En ambas as dúas convocatorias, abertas ata o 8 de febreiro, valorarase, entre outras cuestións, que os solicitantes sexan Concellos Emprendedores, pero tamén se terá en conta a superficie do parque empresarial, o nivel de ocupación ou a poboación do municipio.

Estas actuacións enmárcanse na aposta da Xunta por impulsar a actividade industrial e mellorar a competitividade dos parques empresariais grazas á mellora das súas infraestruturas e ao impulso da creación de novas empresas que permiten xerar emprego. Desde a súa posta en marcha, a través destas dúas liñas, lévanse apoiados 593 proxectos de mellora nos parques empresariais e impulsados 13 viveiros industriais.

Estas axudas completaranse coa execución dos catro millóns de euros outorgados en 2020 a un total de oito proxectos nunha terceira orde de apoios dirixida a reforzar a extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais.

Trátase dunha liña activada o ano pasado por primeira vez e coa que se prevé mobilizar 5,2 millóns de euros. Estas iniciativas contribuirán a garantir a seguridade e a calidade do servizo, atendendo así as demandas das empresas afincadas nos polígonos industriais de Galicia.

Imaxes relacionadas