A Xunta colabora co concello de Pereiro de Aguiar na urbanización do entorno do CEIP Ben-Cho-Shey cunha axuda de preto de 32.000 euros

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o concello de Pereiro de Aguiar, onde indicou que as obras levadas a cabo son a través das axudas do Fondo de Compensación Ambiental, que nesta convocatoria conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros

O investimento do Goberno galego este ano no municipio ascende a case 118.000 euros e inclúe tamén as cubertas dos parques infantís nas urbanizacións de Tapada de Bouzas e de Veiga de abaixo

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2021

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, visitou esta mañá acompañado polo alcalde Luis Menor as melloras levadas a cabo no entorno do CEIP Ben-Cho-Shey, no concello de Pereiro de Aguiar.

Alfonso Rueda indicou que as obras levadas a cabo son a través das axudas do Fondo de Compensación Ambiental, que nesta convocatoria conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros para financiar actuacións nos concellos destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración do medio ambiente e reequilibrio territorial.

O investimento do Goberno galego este ano no municipio ascende a case 118.000 euros e inclúe tamén as cubertas dos parques infantís nas urbanizacións de Tapada de Bouzas e de Veiga de abaixo e o mantemento da brigada de protección e mantemento de espazos ambientais conxuntamente co concello de Nogueira de Ramuín.

A Xunta leva investidos nos últimos anos arredor de 440.000 euros no municipio de Pereiro de Aguiar no marco destas axudas. A través destas subvencións, o Goberno galego apoia aos concellos galegos, en especial aos máis pequenos e con menos recursos, na mellora dos servizos municipais o que redunda positivamente no benestar dos seus cidadáns.

Imaxes relacionadas