Medio Ambiente tratou case 70.000 quilos de residuos sanitarios de baixo risco durante a segunda onda da covid-19

No período comprendido entre o 23 de novembro e o 18 de decembro xestionou un 7% máis deste tipo de refugallos de baixo risco, superando lixeiramente os da primeira onda cando se xestionaron 65.000 kg

A operativa empregada foi a mesma que no primeiro período, habilitando unha planta provisional e específica onde estes materiais son triturados e acondicionados para ser transformados nun combustible CDR

Sogama acometeu estes traballos a petición do Sergas e en base a unha autorización da Consellería de Medio Ambiente

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2021

Desde o pasado 23 novembro e ata o 18 de decembro, Sogama tratou no Complexo Medioambiental de Cerceda un total de 69.800 quilos de residuos sanitarios de baixo risco procedentes de centros adscritos ao Sergas, un 7,38% máis que na primeira onda.

Esta é a segunda ocasión na que o Servizo Galego de Saúde solicita a Sogama a prestación deste servizo, para completar e apoiar o traballo que realizan as instalacións encargadas expresamente do tratamento desta tipoloxía de refugallos (buzos, luvas, mascarelas desbotables e asimilables).

A operativa disposta para o tratamento das case 70 toneladas de refugallos sanitarios de baixo risco foi a mesma que a empregada na primeira onda, polo que estes refugallos son triturados e acondicionados para convertelos nun combustible CDR, que é valorizado enerxeticamente na planta termoeléctrica a máis de 850ºC, temperatura que permite eliminar, coas máximas garantías medioambientais, patóxenos e outros axentes nocivos, grazas á posta en marcha dunha planta específica e provisional, que funciona de forma independente á dos urbanos, con persoal específico que se rexe por horarios diferentes ao resto de traballadores da planta de Sogama, dispoñendo igualmente de vestiarios e zonas de descanso independentes a fin de minimizar o risco de contaxios.

Cómpre recordar que entre o 21 de abril e o 21 de maio, a entidade dependen de Medio Ambiente, seguindo as instrucións ditadas no seu momento polo Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, e contando coa autorización administrativa da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, tratou 65.000 quilos de residuos destas características.

Sumando os dous períodos de máxima incidencia do coronavirus, Sogama eliminou 134.800 quilos de residuos sanitarios de baixo risco, evitando o seu depósito en vertedoiro; unha opción, a menos recomendable, da que tiveron que facer uso aquelas comunidades que non dispoñen de plantas de valorización enerxética de alta eficiencia.

Se ben o Goberno central contempla como tratamentos para esta fracción de residuos a valorización enerxética e o vertedoiro, dá preferencia á primeira, toda vez que verter estes residuos supón un risco para o medio ambiente e a saúde pública de primeira magnitude.

Imaxes relacionadas