A Xunta colabora co concello de San Cibrao das Viñas na creación de dous parques e un campo de fútbol e baloncesto

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, as actuacións levadas a cabo no municipio ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público

O Goberno galego leva investidos preto de 230.400 euros en melloras ambientais e de infraestruturas do concello
 

San Cibrao das Viñas (Ourense), 5 de xaneiro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe as actuacións que a Xunta financiou en 2020 no marco da Orde de Infraestruturas de uso público para colaborar co concello na posta en marcha de dous parques e un campo de fútbol e baloncesto. Á visita tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Así, o Goberno galego apoia ao municipio para instalar un parque de biosaudables no núcleo de Valiñas, próximo ao parque infantil, para favorecer a práctica de exercicio físico ás persoas maiores. Ademais, a axuda destinouse a colaborar na ampliación dun parque infantil en Fonte Boa que contacon xogos inclusivos e, nesta mesma zona, construíse un campo de fútbol e baloncesto.

O Goberno galego financia esta actuación a través da Orde de infraestruturas de uso público, dotada na última convocatoria cun orzamento de catro millóns de euros, un millón máis que o exercicio anterior, e coa que a Xunta apoia aos concellos na creación, mellora ou reforma das infraestruturas básicas dos servizos municipais.

Natalia Prieto, destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e os concellos, para que os municipios poidan levar a cabo actuacións para mellorar infraestruturas e servizos municipais que repercutan no benestar e a calidade de vida dos cidadáns.

A Xunta leva investidos case 230.400 euros noutras actuacións destinadas a melloras ambientais e de infraestruturas do concello. Tanto a través da Orde de Infraestruturas de uso público con proxectos similares aos financiados o ano pasado en parques infantís ou na dotación de equipamento en instalacións deportivas, como ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental.

 

Imaxes relacionadas