O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, visitaron hoxe estas instalacións

Política Social impulsa o comedor social de San Vicente de Paúl en Marín con 160.000 euros en axudas

Neste servizo aténdese a preto dun centenar de persoas en situación ou risco de vulnerabilidade social

Marín (Pontevedra), 5 de xaneiro de 2021

A Xunta de Galicia apoiará con máis de 160.000 euros nos vindeiros dous anos a actividade do comedor social de Marín, que xestiona a entidade San Vicente de Paúl e no que se atende diariamente a preto dun centenar de persoas do municipio morracense. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, visitaron esta mañá estas instalacións, acompañados da alcaldesa da localidade, María Ramallo.

Arturo Parrado explicou que estas achegas enmárcanse na nova orde de axudas a entidades para o período 2020-2022, que conta cun orzamento récord para o conxunto de Galicia de 17,8 millóns de euros. Esta contía supón un incremento do 20% con respecto á anterior convocatoria, a do período 2018-2020. Ademais, o responsable da área de Inclusión Social destacou “a importancia do traballo conxunto coas entidades para apoiar aos fogares que más o precisan”.

Pola súa banda, a delegada territorial sinalou que “volvemos afrontar unha situación complicada, neste caso pola crise sanitaria, na que hai xente con dificultades; e, coma sempre, a Xunta vai apoiar aos máis desfavorecidos a través de todas as canles”. Neste sentido, Luisa Piñeiro indicou que este apoio materialízase tanto a través de medios propios como dos programas postos en marcha coa colaboración cos concellos e as entidades sociais, das que destacou o seu traballo, de gran valor social e de integración.

Funcionamento e obras de mellora

A axuda outorgada a San Vicente de Paúl investirase, na súa maior parte, no funcionamento do comedor social. Tamén se destinará a obras de mellora das instalacións, como a reforma do sistema de calefacción, a ampliación da zona de lavado ou a compra de material de cociña.

Este comedor social, que tamén recibiu 80 menús da Xunta de Galicia para a cea da pasada Noiteboa, mudou lixeiramente o seu funcionamento por mor da pandemia, xa que viu reducida a súa actividade ao ter que interromper durante meses a actividade presencial e entregar os menús só para levar. Hoxe ofrecen entre 80 e 100 comidas diarias, que son preparadas e atendidas na actualidade por seis voluntarias e dúas cociñeiras.

Centros de inclusión e emerxencia social

A través desta orde de axudas as entidades poden cubrir gastos de funcionamento dos seus centros de inclusión e emerxencia social, así como actuacións singulares que complementen os servizos sociais básicos. Estas achegas tamén se poden destinar ao financiamento de servizos de formación adaptada; intervencións en zonas de exclusión e apoio á integración sociolaboral; iniciativas de inclusión da poboación inmigrante e investimentos en centros de inclusión e emerxencia social.

Así mesmo, o reforzo desta liña de axudas contribuirá e axudará tamén a paliar as consecuencias que está a ter a pandemia do COVID-19 nos colectivos máis desprotexidos, como son as persoas sen fogar, en risco de exclusión ou inmigrantes.

Imaxes relacionadas