A Xunta adxudica a redacción do anteproxecto de ampliación da estación de tratamento de auga potable da marxe dereita da ría de Arousa, no concello de Padrón

Este contrato, cun investimento de case 18.000 euros, dispón dun prazo de execución de 3 meses

Definiranse as actuacións nas instalacións da rede de abastecemento que subministran auga aos concellos de Boiro, Catoira, Dodro, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira e Valga

O obxectivo é mellorar este sistema de abastecemento ante os incrementos de demanda dos concellos aos que se lles subministra auga

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do anteproxecto de ampliación da estación de tratamento de auga potable da marxe dereita da ría de Arousa, no concello de Padrón.

Este contrato, cun investimento autonómico de case 18.000 euros, foi adxudicado á empresa Zelig Strategy, S.L. Os traballos contan cun prazo de execución estimado de 3 meses.

Trátase de actuar nas instalacións da rede de abastecemento en alta da marxe dereita da ría de Arousa, xestionadas desde o ano 2005 por Augas de Galicia, e que subministran auga aos concellos de Boiro, Catoira, Dodro, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira e Valga.

A entidade hidráulica da Xunta realizou en 2004 a ampliación dos bombeos de baixa e alta presión na estación de tratamento da Mancomunidade dos concellos da ría de Arousa. Agora, mediante este contrato, analizaranse as actuacións necesarias para aparellar a actual capacidade dos bombeos coa de tratamento da potabilizadora.

O obxectivo é mellorar este sistema de abastecemento ante os incrementos de demanda dos concellos aos que se lles subministra auga.

Para iso, Augas de Galicia considera necesario redactar un anteproxecto onde se analicen as necesidades de mellora da explotación deste sistema de abastecemento, definindo unha solución técnica a través da ampliación da estación de tratamento de auga potable.

A execución dese proxecto podería ter encaixe como unha das actuacións do programa operativo de fondos europeos REACT-EU.

Traballos

O adxudicatario deberá definir as actuacións para a obtención dos datos que non estean dispoñibles e que se consideren imprescindibles para a formulación dunha axeitada solución. Tamén se incluirán traballos de inventario ou levantamentos topográficos precisos e, no seu caso, traballo xeotécnico.

A partir da información recompilada, redactarase un estudo de alternativas onde se propoñan distintas opcións tecnicamente.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que presten de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia municipal.