A Xunta destinará 3,5 M€ ás axudas para mellorar e renovar as instalacións dos establecementos turísticos

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as instalacións do albergue da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS) San Antonio de Herbón de Padrón

As axudas financiarán a metade do investimento realizado cun importe máximo de 50.000 euros por solicitude

A Xunta busca mellorar a competitividade e ofrecer un servizo diferenciado e de calidade por parte de aloxamentos e negocios de restauración co obxectivo de recuperar a confianza dos viaxeiros e reactivar o sector

Padrón (A Coruña), 4 de xaneiro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe durante a visita ao albergue da Asociación Galega Amigos do Camiño de Santiago (AGACS) San Antonio de Herbón de Padrón, que a Xunta destinará 3,5 millóns de euros á nova convocatoria da orde de axudas para mellorar os establecementos turísticos, o que supón máis do dobre que os 1,5 millóns de euros investidos o ano pasado e á que tamén poden acollerse albergues turísticos.

Na visita estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; o presidente da Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández.

A Xunta aposta con estas achegas porque os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, casas de turismo rural, albergues turísticos e negocios de restauración que soliciten estas axudas poidan ofrecer un servizo de calidade e unha oferta competitiva e diferenciada que axude a recuperar a confianza dos viaxeiros neste Ano Santo dobre e reactivar o sector.

Ademais, na convocatoria deste ano, que o Goberno galego prevé publicar na segunda quincena deste mes, financiarase ata o 50% do investimento realizado polos locais nas súas infraestruturas, cunha achega dun máximo de 50.000 euros. Na orde do ano pasado a subvención máxima era do 35.000 euros e do 35% do investimento.

Entre as actuacións subvencionables inclúense medidas que garantan a accesibilidade e a supresión das barreiras arquitectónicas e que permitan obter certificacións de calidade como a Q de Calidade Turística ou elevar a categoría do establecemento. Tamén se financian accións a prol da sustentabilidade como a mellora da climatización coa posta en marcha de medidas de aforro enerxético, actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización, a modernización dos locais e o embelecemento do entorno, a dotación de equipamentos mobles para o seu funcionamento e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde.

Na última convocatoria, a Xunta apoiou os proxectos de 80 establecementos turísticos, en concreto, 48 negocios de aloxamento e 32 restaurantes.

A Xunta continuará a traballar tamén da man do sector a través do Plan Director 2021-2023, no que tamén participan as tres universidades galegas e que xa rematou a primeira fase de participación, co deseño do futuro modelo turístico galego, que se baseará na sustentabilidade, na calidade e nunha oferta segmentada e diferenciada.

Ademais, pretende situar a Galicia como un destino seguro que ofrece un turismo tranquilo e non masificado con espazos naturais e abertos, aspectos moi demandados polos visitantes neste escenario marcado pola pandemia. Nesta liña, a Xunta tamén conta cun Plan de choque para o sector turístico dotado con 35,7 millóns de euros, que inclúe medidas novidosas como o seguro coronavirus, que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros para cubrir os gastos dos viaxeiros aloxados en establecementos turísticos de Galicia en caso de infección por covid-19.

Evolución Ocupación Hoteleira

A mensaxe de Galicia como destino seguro permitiu que a comunidade galega resistise mellor o descenso de afluencia nos establecementos hoteleiros nos últimos meses. As últimas estatísticas do Instituto Nacional de Estatística (INE) do mes de novembro recollen que a caída de pernoctacións situase 11 puntos por debaixo do descenso do conxunto de España. De feito, a comunidade galega é a terceira que mellor resiste a baixada deste indicador. Ademais, a estadía media acada o seu récord histórico neste mes con 2,5 noites, o que supón un incremento do 20%.

Imaxes relacionadas