A Xunta repartirá entre os concellos galegos máis de 14 M€ nos anos 2021 e 2022 para mellorar os camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas ao abeiro do Plan Marco

A orde de axudas -que incrementará en case un 20% o orzamento da convocatoria anterior- sairá publicada no DOG este mes de xaneiro

Por provincias, 4,3 millóns de euros destinaranse á Coruña, 3,6 millóns a Lugo, 3,4 millóns de euros a Ourense e 2,8 millóns a Pontevedra

O obxectivo é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das súas principais vías de comunicación
 

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2021

A Consellería do Medio Rural repartirá entre os concellos galegos máis de 14 millóns de euros a través do Plan Marco para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022. Isto supón que se incrementará en case un 20% a asignación económica total para estas subvencións, con respecto á convocatoria anterior. A orde de axudas sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) este mes de xaneiro e os municipios terán un mes de prazo para solicitalas.

Por provincias, o orzamento repartirase do seguinte xeito: 4,3 millóns de euros irán para A Coruña, 3,6 millóns para Lugo, 3,4 millóns de euros para Ourense e 2,8 millóns para Pontevedra. Para chegar a todos os concellos, establecéronse uns criterios de distribución previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), en base a indicadores obxectivos, a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie do concello, ao peso do agro no municipio e ao grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais, prevese un incremento do 50% para os concellos fusionados.

Condicións de vida

O obxectivo do plan é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das súas principais vías de comunicación. Así, estes camiños melloran o acceso ás 30.000 entidades de poboación nas que se asentan as vivendas da poboación rural e supoñen as canles de entrada e saída das producións agrarias que precisan os negocios desta contorna. Por iso, a Xunta quere facilitar con estas actuacións a accesibilidade e vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo ao contribuír á mellora da capacidade organizativa destas áreas rurais.

Ao tempo que se melloran as condicións de vida no rural mantense a actividade económica vinculada aos traballos de infraestruturas básicas, arranxando unha rede de camiños que en moitos casos non só supón un elemento de comunicación senón tamén de desfrute do medio.

Así, mediante estas axudas, búscase facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Máis concretamente, as que incidan na mellora da seguridade viaria, permitan o cruzamento de vehículos ou sobrelargos necesarios en zona de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Tamén melloras no firme axeitado para as características do tráfico que soportan, obras de drenaxe, de muros e contención así como adecuación de pasos de canles e reforzos das cunetas. Porén, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

Imaxes relacionadas