A Xunta licita por 1,5 millóns de euros a reforma da área de Farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela

O titular de Sanidade visitou a zona de obras que afectará a unha superficie de 725 metros cadrados

A actuación dividirá a área de Farmacia do CHUS en catro áreas homoxéneas, destinadas ao almacenaxe, vestiarios, salas para a elaboración de medicamentos e terapia xénica, e farmacotecnia

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2021

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de visitar a zona de obras da área de Farmacia do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, unha reforma á que a Xunta destinará máis de 1,5 millóns de euros.

Acompañado pola xerente da área de Santiago, Eloína Núñez, o responsable da carteira sanitaria da Xunta de Galicia visitou a zona na que se desenvolverá unha actuación que incidirá en 725 metros cadrados da área de Farmacia do CHUS, dotándoa de catro zonas homoxéneas, que ficarán divididas en espazos para almacenaxe, vestiarios, salas para a elaboración de medicamentos e terapia xénica, e instalacións destinadas á farmacotecnia.

Ademais, estableceranse circuítos diferentes para cada un dos fluxos de produción, nomeadamente: materiais para fabricación, medicamentos elaborados, persoal e residuos. Estes circuítos evitarán posibles contaminacións, mantendo o criterio axeitado da cadea de presións, ben sexa para a fabricación de produtos estériles, ou para o procesamento de produtos víricos, citotóxicos ou bioperigosos.

Deste xeito, a solución proxectada será un garante seguridade que repercutirá nun triple eido, ao incidir nos pacientes, no persoal, e tamén ao medio ambiente.

O presuposto total da obra ascende a 1.519.437 euros, contando cun prazo aproximado de execución de catro meses.

Imaxes relacionadas