A Xunta publica a licitación das obras no CAPD da Coruña ás que destinará preto de 480.000 euros

As empresas interesadas deberán presentar a súa proposta antes do 19 de xaneiro

As obras implicarán a creación dun arquivo do que o centro carecía na actualidade
 

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2021

A Xunta publicou a licitación para a contratación das obras que se van realizar no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) da Coruña e nas que o Goberno galego investirá preto de 480.000 euros. En concreto, as obras serán para a creación dun arquivo do que o centro carecía na actualidade.

Este procedemento determina os requisitos técnicos que deberán reunir as empresa interesadas, que deberán presentar a súa solicitude para facerse cargo da obra antes do 19 de xaneiro. Esta actuación implicará a reforma da planta semisoto dun dos edificios do centro que actualmente está en desuso e na que se crearán un total de sete zonas de arquivo diferenciadas.

Deste xeito, poderase aproveitar o espazo no que actualmente se gardaban os documentos de xeito provisional para desenvolver actividades para as persoas usuarias. Este espazo faise aínda máis necesario logo da actual situación creada pola covid-19 na que é preciso lugares máis amplos nos que gardar unha maior distancia de seguridade.